Arteixo camiña de novo contra a violencia machista na VII Andaina do 25N

O Concello de Arteixo volverá encher as rúas de cor violeta o sábado 22 de novembro coa celebración da VII Andaina contra a violencia de xénero, unha marcha aberta a toda a veciñanza que forma parte do programa municipal polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A actividade, impulsada polo Centro de Información ás Mulleres (CIM), desenvolverase entre as 9.00 e as 13.00 horas coa cuberta do Campo da Festa como punto neurálxico.
As persoas participantes poderán chegar entre as 9.00 e as 9.30 horas para formalizar a recepción. A continuación terá lugar a lectura do manifesto contra as violencias machistas e, ás 10.00 horas, iniciarase a andaina, cun percorrido urbano duns catro quilómetros polas rúas de Arteixo, pensado para todos os públicos. Ao remate, a organización ofrecerá chocolate con churros e a xornada continuará amenizada pola música dun DJ. As primeiras persoas inscritas recibirán ademais un agasallo conmemorativo da actividade.
A inscrición é gratuíta e pode realizarse de maneira telemática a través da ligazón habilitada ata o 20 de novembro ás 16.00 horas, ou de forma presencial no CIM de Arteixo, situado na avenida do Balneario, 10 (baixo). Para máis información, o Concello mantén operativo o teléfono 981 601 415.
A andaina intégrase nun programa máis amplo de actos polo 25N. O venres 21 está prevista no auditorio do Centro Cívico Cultural a representación da obra de teatro 'As gardiás', da compañía Teatro Ningures, ás 20.30 horas. O martes 25 iluminarase de violeta a fachada do Concello e impartiranse obradoiros de igualdade e prevención da violencia de xénero nos centros educativos, mentres que o sábado 29 se realizará un taller de defensa persoal KRAV MAGA dirixido a mulleres e nenas maiores de 12 ou 13 anos. Ademais, entre o 1 e o 15 de novembro pode visitarse na sala de exposicións do CCC Arteixo a mostra 'Chicas nuevas 24 horas', inspirada no documental de Mabel Lozano sobre a explotación e trata de mulleres e nenas.