Arteixo avanza na prevención de inundacións cunha nova ponte sobre o río Bolaños

ACoruñaXa
A intervención enmárcase dentro do Proxecto Londra, unha iniciativa que busca restaurar ecosistemas fluviais
rio-bolanhos-arteixo
1 Jul 2025

O Concello de Arteixo está a executar unha ambiciosa actuación ambiental no río Bolaños coa construción dunha nova ponte que permitirá mellorar o paso da auga e reducir o risco de inundacións no centro urbano. A intervención enmárcase dentro do Proxecto Londra, unha iniciativa con financiamento europeo que busca restaurar ecosistemas fluviais e reforzar a súa capacidade fronte a fenómenos meteorolóxicos extremos.

O novo paso sobre o río inclúe a eliminación de obstáculos, o ensanche da canle e un aumento do seu fondo, ademais da ampliación do leito fluvial ao seu paso pola zona urbana. “Trátase dunha actuación clave para evitar inundacións no núcleo de Arteixo”, sinalan desde o Goberno local.

En paralelo, estanse a desenvolver labores similares no Rego da Bidueira, un afluente do Bolaños, co obxectivo de restaurar o ecosistema fluvial e mellorar a súa funcionalidade hidráulica.

Este proxecto integral conta cun orzamento de 950.000 euros, dos cales o 80 % está subvencionado con fondos europeos, a través dunha convocatoria da Fundación Biodiversidade e o Ministerio para a Transición Ecolóxica. Foi un dos proxectos seleccionados a nivel estatal para fomentar a restauración de ríos e minimizar os riscos derivados das enchentes en contornas urbanas.

O plan contempla tamén unha segunda liña de acción centrada na recuperación ambiental das marxes fluviais. Prevese a plantación de árbores e vexetación autóctona, así como a solta de alevíns de diferentes especies piscícolas para favorecer a biodiversidade. Ademais, instalaranse sistemas de drenaxe urbana sostible como medida complementaria de prevención de inundacións.

O ámbito de actuación abrangue máis de 5.000 metros de ríos, divididos en cinco tramos, entre o Bolaños e o seu afluente. Con este proxecto, Arteixo consolida o seu compromiso coa sustentabilidade e a adaptación ao cambio climático, apostando por solucións baseadas na natureza e nunha mellora efectiva do territorio.

⚙ Configurar cookies
0.18270301818848