Arteixo avanza cara unha gran área deportiva intermunicipal en Montegolf con A Coruña e Culleredo

ACoruñaXa
O Goberno local presume dun remanente de 13,7 millóns de euros e comprométese coa Axenda 2030
Fotografía da Casa do Concello de Arteixo
27 Jun 2025

O Concello de Arteixo vén de aprobar no pleno municipal un cambio de uso urbanístico da parcela dotacional do complexo deportivo de Montegolf. O obxectivo é acometer unha ambiciosa reforma da man dos concellos da Coruña e Culleredo, co fin de ampliar e modernizar as instalacións actuais e crear unha gran zona deportiva conxunta que dea servizo aos veciños dos tres municipios.

A iniciativa parte dun acordo entre os tres concellos para recuperar un espazo que fora cedido ao Concello de Arteixo pola empresa Riofisa, tras anos de abandono debido á crise inmobiliaria. Agora, con esta colaboración, preténdese dotar ao entorno dun equipamento deportivo de primeira liña que beneficie á poboación que vive nas zonas limítrofes entre os tres municipios. “A idea é que tanto as instalacións como os servizos que se ofrezan sexan mellores debido á colaboración en recursos dos tres municipios”, explicaron desde o consistorio.

O futuro complexo contará cun edificio principal con vestiarios, aseos e salas polivalentes, ademais de zonas verdes exteriores con varias pistas deportivas e unha piscina ao aire libre. As actuacións previstas inclúen traballos de rehabilitación, reparación e modernización, como a substitución das actuais pistas de pádel por pistas multideporte, adaptadas ás necesidades da veciñanza. O obxectivo: “devolver a funcionalidade ao complexo e aumentar os servizos previstos inicialmente ao colaborar os tres concellos no proxecto”.

Remanente de tesourería de 13,7 millóns

Durante o pleno tamén se presentou o estado financeiro do Concello de Arteixo, que pechou o exercicio de 2024 cun remanente de tesourería de 13,7 millóns de euros e un aforro neto positivo de 6,7 millóns. O concelleiro de Servizos Económicos, Emilio Maceiras, destacou que este resultado financeiro obriga “ao actual goberno municipal a investilo e poñelo a disposición dos veciños, e permite ao Concello de Arteixo cumprir cos obxectivos de sustentabilidade e uns indicadores de solvencia saneados”.

Adhesión á Rede de Entidades Locais da Axenda 2030

Outro dos puntos aprobados foi a inclusión de Arteixo na Rede de Entidades Locais 2030 da FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias), un paso que compromete ao municipio a avanzar nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Esta adhesión implica a elaboración dun diagnóstico local e dun plan de implementación dos ODS, favorecendo a coordinación con outras administracións para acadar un modelo de desenvolvemento máis sustentable.

Con estes acordos, Arteixo consolida a súa aposta pola mellora dos servizos públicos, a cooperación intermunicipal e a sustentabilidade.

⚙ Configurar cookies
0.178062915802