Arteixo aproba un orzamento de 66,2 millóns de euros para 2026

ACoruñaXa
As contas municipais reservan máis de 18 millóns para novas infraestruturas e elevan o orzamento consolidado, xunto con Sumarte, ata os 70,8 millóns de euros
Imaxe da casa do Concello en Arteixo
27 Nov 2025

O pleno do Concello de Arteixo deu luz verde aos orzamentos municipais para 2026, que ascenden a 66,2 millóns de euros. Na mesma sesión aprobouse tamén o orzamento da empresa pública Sumarte, que chega aos 6,7 millóns de euros. Deste último importe, arredor de dous millóns figuran tanto nas contas municipais como nas da empresa por cuestións contables, polo que o orzamento consolidado de Sumarte sitúase en 4,7 millóns de euros e o consolidado global concello Sumarte elévase ata os 70,8 millóns.

Sumarte é a responsable da xestión do abastecemento e saneamento, a limpeza viaria, o servizo de BiciArteixo, as liñas de transporte municipal e a recollida porta a porta de residuos, servizos aos que o goberno local di querer dar estabilidade e marxe de mellora a través destas contas.

Dentro do capítulo de investimentos, que supera os 18 millóns de euros, a actuación máis destacada será a travesía de Arteixo, para a que se consignan 2,2 millóns dos 3,6 millóns necesarios. Tamén figuran partidas relevantes para a humanización da travesía de Oseiro (420.000 euros dos case 700.000 que suma o proxecto completo), a urbanización da coñecida como zona das repúblicas no núcleo de Arteixo (420.000 euros dos 630.000 totais) e a mellora das rúas Domingo de Andrade e Pedro de Monteagudo (425.000 euros dun investimento global de 550.000 euros).

O orzamento reserva fondos para obras xa iniciadas en 2025 e que se rematarán en 2026, como a urbanización da praza de Figueroa (uns 500.000 euros en total, dos que quedan por abonar 309.000 euros), o parque dos Herbales en Chamín (330.000 euros en 2026 dun orzamento global de 630.000 euros) ou a casa de baños do complexo do Balneario, á que se destinan un millón de euros dentro dun proxecto de 3,6 millóns cofinanciado con dous millóns de fondos europeos.

Outra das liñas fortes son os 2,2 millóns de euros destinados a desenvolvementos urbanísticos a través de unidades de actuación, con cargo aos que se abrirán novas rúas. Neste apartado inclúese a segunda fase da Unidade de Actuación 3, que prevé un novo parque nun ámbito de 3.600 metros cadrados, e a apertura dunha nova rúa que conectará a rúa Baldomero González coa travesía de Arteixo. A administración local adianta estes investimentos e repercute despois o custo ás persoas propietarias dos terreos mediante contribucións especiais.

En materia de equipamentos deportivos, o orzamento incorpora unha partida de 350.000 euros para a rehabilitación integral da cuberta e das instalacións do polideportivo de Galán.

As sendas peonís protagonizan outro bloque de investimento, cun total de 4,5 millóns de euros repartidos entre as conexións da zona de praias a través do polígono de Sabón (senda da avenida da Praia, con 587.000 euros, e senda da avenida do Embalse, con 670.000 euros) e varios proxectos en estradas da Deputación ao abeiro dun convenio de cesión e financiamento. Trátase da senda da DP 506 ao seu paso por Barrañán (1.030.000 euros) e das sendas de As Barreiras (450.000 euros) e de Ervedíns (411.000 euros), que discorren pola DP 511 e permitirán unir peonilmente varios núcleos de Loureda co centro urbano.

Completan o capítulo de investimentos diversas partidas para mellora de asfaltados (680.000 euros), mantemento e reforma de centros educativos (500.000 euros) e reparación de camiños rurais existentes (215.000 euros), o que, segundo o goberno municipal, sitúa de novo a Arteixo entre os concellos cun maior esforzo inversor de Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.07890796661377