Arteixo amplía o centro social de Barrañán cunha nova terraza e melloras de accesibilidade

O Concello de Arteixo vén de iniciar as obras de mellora do centro social de Barrañán, unha actuación que busca ampliar as posibilidades deste espazo veciñal tanto para o desenvolvemento de actividades municipais como para o uso da veciñanza.
A intervención céntrase na ampliación da terraza exterior e na instalación dunha pérgola que permitirá aproveitar o espazo ao aire libre en condicións de sol ou chuvia.
Ademais, os traballos inclúen a mellora dos accesos pola parte norte do edificio e a construción de muretes de contención adaptados á orografía da zona. O orzamento da actuación ronda os 88.000 euros.
Estas melloras veñen completar a reforma realizada no interior do centro hai uns anos, cando se acondicionou o edificio da antiga escola parroquial para uso social. Naquela intervención creáronse dúas grandes salas polivalentes, de aproximadamente cen metros cadrados cada unha, que se empregan para actividades organizadas polo Concello e para encontros veciñais.
O proxecto actual foi consensuado coa asociación de veciños de Barrañán, co obxectivo de mellorar a accesibilidade e ampliar a funcionalidade do espazo. O edificio, situado na zona de Outeiro, preto da praia de Barrañán, ten forma de L e está distribuído en dúas plantas: unha sobre rasante e outra parcialmente soterrada. En total, conta cunha superficie duns 280 metros cadrados.
Coas novas actuacións, as instalacións exteriores do centro social veranse notablemente melloradas, abrindo a porta a unha maior dinamización da vida comunitaria na parroquia.