Arteixo adxudica por 137.000 euros a implantación de 75 contedores dixitais de reciclaxe nas zonas urbanas

O Concello de Arteixo vén de adxudicar un contrato por 137.000 euros para instalar 75 contedores dixitais de reciclaxe en distintos puntos urbanos do municipio. A medida busca reforzar o novo modelo de recollida selectiva con control de acceso, que xa está en funcionamento no núcleo urbano e que se irá ampliando ao resto das zonas urbanas ao longo do primeiro semestre de 2026.
Os novos contedores estarán deseñados para mellorar tanto a seguridade como a funcionalidade. Entre as novidades inclúense unha apertura adaptada e identificación en relevo para facilitar o uso por parte de persoas invidentes, sistemas antivandálicos, retención de lixiviados e chips de identificación individual. Ademais, incorporarase o sistema Vacri para o vidro, unha solución pensada especialmente para a hostalaría.
O Concello destaca tamén a boa acollida veciñal do programa vinculado á fracción orgánica, no que xa participan case 1.000 fogares. Esta adhesión leva aparellada unha bonificación do 15 por cento no recibo do lixo, que pasa de 62,92 euros a 53,48 euros por semestre.
Arteixo lembra, ademais, que foi un dos municipios pioneiros en Galicia na implantación de illas de contedores adaptadas ás esixencias europeas e sinala que esta nova fase supón un avance cara a un sistema máis sostible, accesible e eficiente.