Arteixo acollerá un XXV Concurso de Música Tradicional de Xiradela de récord

O Auditorio do Centro Cívico Cultural de Arteixo acollerá o vindeiro domingo 27 de abril a XXV edición do Concurso de Música Tradicional organizado pola Asociación Xuvenil Xiradela. A partir das 10.30 horas, un total de 23 grupos procedentes de diferentes puntos de Galicia daranse cita nun evento que, ano tras ano, enche de música, cor e tradición o corazón de Arteixo.
Esta edición conta coa participación de agrupacións chegadas de lugares como Coirós, Corcubión, Boimorto, Oleiros, A Coruña, Carballo, Ribadeo, Trazo, Malpica ou Ponteareas, entre outros. As categorías con maior número de inscritos son a B, con participantes de entre 9 e 13 anos, que reúne nove grupos, e a C, de entre 13 e 17 anos, con cinco formacións.
Ao longo da mañá, os grupos irán subindo ao escenario para interpretar as súas pezas cun tempo máximo de cinco minutos. Aquelas actuacións que superen este límite quedarán automaticamente descualificadas. O xurado, nomeado pola propia A.X. Xiradela, terá en conta criterios como a autenticidade da peza, a súa dificultade, a afinación e a interpretación. Ademais dos premios aos tres primeiros clasificados de cada categoría, entregarase tamén un trofeo ao mellor vestiario.
En total, repartiranse 2.400 euros en premios, cunha dotación de 300 euros para o primeiro posto, 200 para o segundo e 100 para o terceiro, ademais dos correspondentes trofeos. As catro categorías divídense segundo a idade: ata 9 anos (categoría A), de 9 a 13 anos (categoría B), de 13 a 17 anos (categoría C), e maiores de 17 anos (categoría D). Os grupos poden ser femininos, masculinos ou mixtos, mais o uso do traxe tradicional será obrigatorio para todos.
O ambiente que rodea esta cita cultural é un dos sinais de identidade do certame. Xa desde primeiras horas, a contorna do paseo fluvial vese animada polas preparacións das agrupacións: axustes de vestiario, afinación de instrumentos e os primeiros sons de ferreñas e gaitas anticipan unha mañá chea de tradición.
A organización espera repetir o éxito de anos anteriores, nos que se chegou a superar o milleiro de asistentes grazas á alta rotación de público durante toda a xornada. Os grupos da propia A.X. Xiradela, entidade anfitrioa e organizadora, non participarán no concurso para garantir a imparcialidade do certame, que conta coa colaboración do Concello de Arteixo.