Arteixo acollerá un curso práctico de cultivo de shiitake en tronco de carballo no Parque de Monticaño

ACoruñaXa
O obradoiro, impartido por Santiago Liñeira e dirixido a persoas afeccionadas á micoloxía, terá lugar o venres 31 de outubro en horario de tarde e inclúe material e un tronco inoculado para levar á casa
ARTEIXO taller shitake
26 Oct 2025

O Concello de Arteixo acollerá un curso especializado de cultivo de shiitake en madeira de carballo, unha formación práctica pensada para persoas iniciadas na micoloxía que queiran aprender a producir este cogomelo de alto valor gastronómico e nutricional. A actividade celebrarase o venres 31 de outubro, de 16.00 a 20.00 horas, no Parque de Monticaño (Pastoriza), e será impartida por Santiago Liñeira.

O obxectivo do taller é achegar ao alumnado o proceso completo de produción do shiitake en troncos, desde a inoculación do micelio ata a colleita. O programa inclúe a técnica de inoculación en tronco de carballo, a explicación dos distintos tipos de madeira aptos para o cultivo, o período máis axeitado do ano para realizar o proceso e a fase de incubación do micelio. Abordaranse tamén cuestións sobre produción, recolección e calidade comercial do shiitake.

Un dos atractivos do curso é que cada participante levará ao remate o seu propio tronco inoculado, preparado para continuar o proceso na casa e producir shiitake de maneira autónoma.

O prezo da inscrición é de 15 euros para persoas empadroadas en Arteixo, clientela de SUMARTE, usuarias de biciArteixo e colectivos asimilados. Para o público xeral, o custe é de 25 euros. O material está incluído en ambas modalidades.

As persoas interesadas poden solicitar máis información e formalizar a súa praza a través do correo cursoseme@sumarte.gal ou chamando aos teléfonos +34 698 193 000 e +34 604 012 930. A organización lembra que as prazas son limitadas.

⚙ Configurar cookies
0.071438074111938