Arteixo acolle 'La violación de Lucrecia', un monólogo contra as violencias machistas

O vindeiro venres 28 de febreiro, ás 20.30 horas, o Auditorio CCC de Arteixo Manuel Murguía será o escenario da impactante obra teatral 'La violación de Lucrecia', da compañía Teatro Clásico de Sevilla. Baseada no poema homónimo de William Shakespeare, esta peza preséntase como un monólogo intenso e conmovedor que explora a violencia, o abuso de poder e a humillación sistémica da violación como arma machista contra as mulleres.
Dirixida a un público adulto, a obra busca remover conciencias e interpelar directamente ao espectador cunha posta en escena de gran forza e emotividade. A dirección e adaptación corren a cargo de Alfonso Zurro, mentres que a actriz Lorena Ávila dá vida a este relato con enorme intensidade e sensibilidade.
'La violación de Lucrecia' foi amplamente recoñecida no panorama teatral, obtendo tres Premios Escenarios de Sevilla nas categorías de Mellor Espectáculo, Mellor Actriz e Mellor Adaptación Teatral.
Trátase dunha oportunidade única para desfrutar dunha obra de gran calidade artística e profunda reflexión, que convida a enfrontarse ás sombras da historia e á necesidade urxente de seguir loitando contra as violencias de xénero.