Arteixo acolle a primeira edición da Gala Cultural contra o Cancro

A Xunta Local da Asociación Española Contra o Cancro en Arteixo organiza a primeira edición da Gala Cultural solidaria, que terá lugar o sábado 10 de maio de 2025 ás 19.30 horas no Centro Cívico Cultural Manuel Murguía.
Baixo o lema da loita contra o cancro, esta actividade reunirá diversas propostas artísticas e culturais coa finalidade de recadar fondos para a asociación. A entrada terá un prezo solidario de 5 euros.
O evento contará coa participación do Grupo de Teatro de Camelle "Os Contos non Enchen", que representará a obra A Taberna de Lelo do Chisco, o espectáculo de baile Tropicalia, e o grupo Café con Jotas, que ofrecerá un repertorio de música pop española.
A gala estará presentada e amenizada polos humoristas Manuel de Eva e Pepe Capelán, coñecidos pola súa traxectoria no ámbito do entretemento galego. As entradas poden adquirirse no local da Asociación Española Contra o Cancro en Arteixo (Avda. Fisterra, 2, O Seixedo) en horario de 17.00 a 20.00 horas. Unha oportunidade única para gozar da cultura local e colaborar cunha boa causa.