Arteixo acolle a Feira de Oportunidades 2025 na segunda fin de semana de marzo

ACoruñaXa
A feira contará con máis de 20 comercios participantes, representando sectores como moda, calzado ou arte
feriaarteixo
6 Mar 2025

O Concello de Arteixo e Arteixo Centro Comercial Aberto (CCA) organizan a Feira de Oportunidades 2025, un evento que se celebrará os días 7, 8 e 9 de marzo e que converterá a vila nun referente para as compras a prezos inmellorables. A feira foi presentada hoxe coa presenza da presidenta do CCA, Lucía Graiño, o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, e o concelleiro de Promoción Económica, Ángel Vázquez.

Esta cita anual consolídase como un motor de dinamización do comercio local, atraendo a centos de visitantes que contribúen ao impulso económico do municipio. A iniciativa facilita que os establecementos poidan liquidar stocks de tempada, gañar liquidez e dispoñer de espazo para a nova mercadoría, ao tempo que ofrece á clientela unha oportunidade única para adquirir produtos de calidade a prezos reducidos.

A feira contará con máis de 20 comercios participantes, representando sectores como moda, calzado, arte, artesanía, repostería, regalos, estética e incluso proxectos vinculados ao benestar animal. Esta diversidade permitirá que as persoas asistentes atopen unha ampla variedade de produtos nun único espazo, garantindo unha experiencia de compra cómoda e atractiva.

Ademais de fomentar o consumo local, o evento axuda a captar nova clientela e a fidelizar a habitual, reforzando o posicionamento de Arteixo como destino de compras. O impacto vai máis alá do comercio, beneficiando tamén á hostalaría e aos servizos da vila.

A Feira de Oportunidades non só se centrará nas compras, senón que incluirá actividades para toda a familia. Contarase cun espazo infantil pensado para facilitar a conciliación, onde as crianzas poderán gozar de xogos e obradoiros. Tamén haberá sorteos con premios en metálico para as persoas que realicen compras, ademais dunha enquisa que recompilará a opinión do público, premiando a participación con diferentes agasallos.

A programación da fin de semana incluirá, ademais, espectáculos en vivo. O sábado 8 de marzo terá lugar un espectáculo de maxia a cargo do Mago Kiko, mentres que o domingo 9, a cantante Aixa Romay ofrecerá unha actuación musical ao mediodía.

 

⚙ Configurar cookies
0.44499707221985