Arteixo acende o inverno cultural con InvernArte 2026 no auditorio do CCC Manuel Murguía

O Concello de Arteixo presentou a súa nova carteleira cultural para xaneiro, febreiro e marzo de 2026 baixo o selo InvernArte, unha proposta coa que o Auditorio do Centro Cívico Cultural Manuel Murguía volverá ser o principal escenario do inverno no municipio. A axenda inclúe teatro para público adulto e familiar, monólogos, circo contemporáneo, música e mostra artística.
A liña de teatro para adultos chega marcada pola reflexión e polas historias de vida. O programa abre o 16 de xaneiro con ‘Amalia y el río’, baseada no testemuño real dunha estraperlista na raia con Portugal nos anos posteriores á Guerra Civil. O 23 de xaneiro será a quenda de ‘O dragón de ouro’, que pon o foco en persoas invisibilizadas e en situacións de explotación arredor dun restaurante. Xa en marzo, o día 6, ‘Manual de patronaxe’ propón unha homenaxe ás avoas e ás persoas coidadoras a través dun diálogo entre xeracións.
O humor tamén terá protagonismo con ‘De algo hai que morrer’, de Malasombra (30 de xaneiro), e co monólogo de David Perdomo (6 de febreiro), cunha forte carga de sátira social. Completa este bloque ‘As formas do amor’, de Verdeveras (13 de febreiro), unha viaxe polas emocións desde distintas perspectivas.
Para o público familiar, InvernArte mestura disciplinas e mensaxes educativas: ‘Teatro de papel’, de Rauxa Cia (20 de febreiro), une circo e manipulación de obxectos, mentres que ‘Bosque’, de Mama Cabra e Aurora (27 de febreiro), aposta pola música cunha ollada ambiental. O peche familiar chegará o 13 de marzo con ‘Berenguela na gaiola’, unha obra sobre liberdade, ilusión e o paso do tempo na terceira idade.
No eido musical, a programación reserva para o 20 de marzo ‘Os nomes íntimos’, un recital que xunta poesía e música con Lucía Aldao e Samuel Merino. En paralelo, a sala de exposicións mantén ata o 23 de xaneiro unha mostra dedicada a Martha Rosler enfocada na concienciación arredor do 25N, e en febreiro dará paso a unha colectiva de arte e fotografía asinada por Gabriela Laura Palumbo e Luis Barca Buyo.