Arteixo abre o prazo do 35º Certame de Narracións Breves 'Manuel Murguía'

O Concello de Arteixo vén de convocar oficialmente o 35º Certame de Narracións Breves 'Manuel Murguía' tras a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia do 9 de decembro. Trátase dun dos concursos literarios máis veteranos de Galicia, que ten como obxectivo impulsar a creación en lingua galega, apoiar novas voces narrativas e render tributo á figura de Manuel Murguía, referente da historia e da cultura do país.
Poderán participar todas as persoas maiores de 16 anos que presenten unha única narración breve, escrita en galego, orixinal, inédita e non premiada nin pendente de fallo noutros certames. As obras deberán ter unha extensión de entre 30.000 e 70.000 caracteres con espazos (entre unhas 15 e 30 páxinas) e entregarse en formato dixital (Word, LibreOffice ou similar), con letra Arial, corpo 12, dobre interliñado e marxes de 2,5 centímetros.
Como novidade desta edición, o Concello aposta pola tramitación electrónica: a presentación realizarase preferentemente a través da sede electrónica municipal, mediante o procedemento de 'solicitude xeral'. As persoas participantes deberán achegar, en arquivos separados, o texto da obra identificado só con título e lema ou pseudónimo, a plica cos datos persoais e un modelo de declaración responsable no que acrediten, entre outros aspectos, a orixinalidade do relato e a cesión temporal dos dereitos de edición ao Concello de Arteixo.
De xeito excepcional, tamén se admitirán traballos remitidos por correo postal á Casa do Concello, sempre garantindo o anonimato mediante o sistema de plica. A organización comprométese a eliminar calquera metadato dos arquivos que poida revelar a identidade da autoría antes de que as obras cheguen ao xurado.
O prazo para presentar orixinais permanecerá aberto ata o 31 de xaneiro de 2026. As bases recollen tres premios: un primeiro galardón dotado con 4.000 euros, un segundo de 2.000 euros e un terceiro de 1.000 euros, cantidades que estarán suxeitas ás retencións fiscais correspondentes. Ningunha autora ou autor poderá recibir máis dun premio e o xurado poderá declarar deserto calquera dos postos se considera que as obras non acadan a calidade requirida.
O xurado, integrado por persoas vinculadas ao mundo da literatura e designadas polo Concello de Arteixo, fará pública a súa decisión o 8 de maio de 2026. Ese mesmo día celebrarase o acto oficial de entrega dos premios, ao que deberán acudir as tres persoas finalistas salvo causa xustificada. As narracións premiadas poderán publicarse nun volume colectivo nos cinco anos posteriores á concesión dos galardóns, incluíndo xa na contía económica o pagamento dos dereitos de autor desta primeira edición.