Arteixo abre a preinscrición dos campamentos de Nadal 2025 para facilitar a conciliación

O Departamento de Educación do Concello de Arteixo vén de abrir ata o 5 de decembro o período de preinscrición para os campamentos municipais de Nadal 2025, deseñados como medida de apoio á conciliación das familias durante as vacacións escolares. Trátase do Campamento Concilia 'Viaxe ao Polo Norte' e do Laboratorio Musical 'O Apalpador', que se desenvolverán os días 22, 23, 26, 29 e 30 de decembro, así como o 2, 5 e 7 de xaneiro, en horario de 10.00 a 14.00 horas.
O Campamento Concilia está dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos e terá lugar no Centro Social de Vilarrodís. A proposta inclúe actividades temáticas arredor dunha aventura ao Polo Norte, xogos cooperativos, obradoiros creativos e unha festa final. A través da historia dunha mensaxe de auxilio de Papá Noel e dunha gran treboada de neve que paraliza a fábrica de xoguetes, a rapazada converterase en pequenos exploradores e exploradoras do Ártico, superando misións diarias para conseguir o selo oficial no seu pasaporte de exploración.
Pola súa banda, o Laboratorio Musical 'O Apalpador', dirixido a participantes de 4 a 12 anos, desenvolverase no Centro Cívico Cultural de Arteixo. Nesta proposta traballarase na preparación dunha actuación musical final, combinando obradoiros de manualidades, creación de atrezzo, expresión corporal e iniciación musical, cun fío condutor centrado na figura do Apalpador e nas personaxes propias do Nadal galego.
A taxa de inscrición para cada un dos programas é de 32 euros. No caso do Campamento Concilia, o Concello ofrece ademais servizos complementarios de conciliación, como madrugadores, almorzo, xantar e ludoteca de tarde, que se poderán contratar de maneira opcional polas familias interesadas. As prazas son limitadas e darase prioridade á rapazada empadroada no municipio; se a demanda supera a oferta, realizarase un sorteo o 9 de decembro ás 10.00 horas nas instalacións do Departamento de Educación.
A preinscrición debe formalizarse por correo electrónico, enviando a folla de solicitude a educacion@arteixo.org co asunto 'campamento Nadal 2025' entre o 26 de novembro e o 5 de decembro. A formalización da matrícula (solicitude do recibo e pagamento) terá lugar do 10 ao 15 de decembro. Como novidade nesta edición, é obrigatorio consultar previamente as normas de funcionamento e a documentación asociada, dispoñible na web municipal, xa que toda a comunicación relativa aos campamentos se realizará por esta vía.