Arrincan en Ordes as obras de reparación na N-550 tras os temporais

A N-550 ao seu paso por Ordes foi este xoves o punto de partida do plan do Ministerio de Transportes para reparar os danos causados polos temporais na rede estatal de estradas. O Goberno anunciou unha achega adicional de 38 millóns de euros, que eleva ata 167 millóns o investimento previsto en Galicia, con actuacións en arredor de 2.000 puntos e máis de 262 quilómetros de vías, centradas sobre todo en traballos de asfaltado e reposición de firmes.
A elección de Ordes como inicio do operativo chega nun contexto de queixas polo deterioro do pavimento no tramo urbano da N-550, unha vía clave para a mobilidade diaria na provincia da Coruña.
Un día despois, este venres, Ordes volveu situarse no foco das inversións, desta volta en clave provincial. O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a deputada de Plans, Cristina García, visitaron o Concello e puxeron en valor o Plan Único (POS+) como principal ferramenta de cooperación cos municipios. Segundo os datos expostos no encontro institucional, Ordes recibiu 1.483.889,46 euros no POS+2026 e acumula 15.418.176,34 euros desde a creación do plan, con 54 actuacións financiadas.
Na visita incluíuse tamén un percorrido por unha das obras executadas con cargo ao Plan Único: a humanización da rúa Mirón, cunha achega provincial de 97.802,94 euros, destinada a renovar pavimentos e beirarrúas e mellorar servizos.