Arrincan en Bergondo as obras de reforma e ampliación do Centro Sociocultural de Mariñán

Bergondo iniciou as obras de reforma e ampliación do Centro Sociocultural de Mariñán despois de varias semanas pendentes de que a meteoroloxía permitise traballar con seguridade. O proxecto conta cun orzamento de 275.106,90 euros, financiado con fondos municipais a través dun suplemento de crédito.
O obxectivo do Concello é facer unha mellora global do inmoble para que a veciñanza e as entidades dispoñan dunhas instalacións máis cómodas e actuais, con avances tanto en accesibilidade como en eficiencia enerxética. A intervención inclúe, entre outras actuacións, melloras no illamento e na carpintaría exterior, mantemento da cuberta, renovación de elementos interiores e a creación de aseos adaptados en ambas as plantas. Tamén se prevé un novo acceso na planta baixa a través dun espazo tipo praza con bancadas, ademais de actualizacións nas instalacións de electricidade, fontanaría, calefacción e saneamento.
Xunto á reforma do edificio existente, o proxecto incorpora unha ampliación para darlle unha nova función ao conxunto: un almacén para cazadores, atendendo á demanda do colectivo de contar cun espazo adecuado. Esta parte executarase de forma separada e integrada coa contorna, mantendo accesos independentes e mellorando a drenaxe na zona.
Desde o goberno local defenden que se trata dunha actuación ‘moi ambiciosa’ porque combina unha reforma integral con novos usos para o equipamento e cun espazo específico para os cazadores. O executivo municipal tamén critica que, segundo sostén, desde a oposición se intentou ‘entorpecer ou desmerecer’ o proxecto.