Arrinca o Antroido 2025 na Coruña co concurso de comparsas en Palexco

ACoruñaXa
O humorista David Amor volverá exercer de mestre de cerimonias nunha gala que contará con oito actuacións
comparsas-coruña
21 Feb 2025

A Coruña dará o pistoletazo de saída á súa programación municipal do Antroido 2025 este sábado, 22 de febreiro, cunha das citas máis agardadas: o concurso de comparsas nas modalidades de música e letra. O evento celebrarase no auditorio de Palexco a partir das 18.00 horas, e as entradas poderán retirarse este venres no despacho de billetes da praza de Ourense ou mañá, na propia billeteira do recinto, ata completar a capacidade.

Tras o éxito da pasada edición, o humorista David Amor volverá exercer de mestre de cerimonias nunha gala que contará con oito actuacións, das cales seis competirán polos premios e dúas actuarán fóra de concurso. "Desde o Goberno de Inés Rey continuamos impulsando as nosas grandes celebracións da man das entidades que as promoven, como é o caso das comparsas coruñesas, moi presentes sempre na programación do Antroido", destacou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.

As comparsas que optarán aos galardóns serán 'Amigos da Xoldra', 'Malandros', 'Melandrainas', 'Montealto a 100', 'Os Maracos' e 'Pantaleón'. Como actuacións especiais, fóra de concurso, participarán 'Badabum Sorpresa' e 'Os Kilomberos de Monte Alto'.

O xurado, presidido pola alcaldesa Inés Rey, outorgará un primeiro premio de 1.600 euros, un segundo de 1.250 euros e un terceiro de 800 euros. Ademais, poderanse conceder accésits de 150 euros. A comparsa gañadora terá a oportunidade de interpretar en directo as dúas cancións presentadas ao concurso no acto de entronización do Deus Momo, que se celebrará o venres 28 de febreiro ás 21.00 horas no Obelisco.

0.16438317298889