Arrinca a plantación do bosque autóctono no CEIP Valle Inclán na parcela cedida polo Concello de Oleiros

ACoruñaXa
O proxecto, ligado ao programa 'Aprender do bosque' da Fundación María José Jove e co apoio do CFEA de Guísamo, comezou coa participación de oito aulas e coa plantación de bidueiras, sobreiras, castiñeiros e carballos.
OLEIROS bosque valle inclan
18 Jan 2026

A comunidade educativa do CEIP Ramón María del Valle Inclán, en Perillo, deu esta semana un paso decisivo na creación do seu novo bosque autóctono. Segundo trasladou a ANPA, a plantación arrancou na parcela que xa se incorporou ao recinto escolar tras a súa cesión polo Concello de Oleiros, unha condición clave para facer realidade o proxecto.

A iniciativa forma parte do programa 'Aprender do bosque' do Centro de Arte Fundación María José Jove, coa participación do CFEA (Centro de Formación e Experimentación Agroforestal) de Guísamo, e enmárcase no Proxecto Reverdecer. O obxectivo é establecer unha relación continuada cun ecosistema vivo que medra ao tempo que o fai a comunidade escolar, favorecendo a recuperación de hábitats e o aumento da biodiversidade.

Durante a xornada participaron oito aulas acompañadas polo seu profesorado e por persoal técnico do Concello, do CFEA e da Fundación, nunha actividade que tamén contou coa presenza da ANPA. As primeiras especies enraizadas no terreo foron bidueiras, sobreiras, castiñeiros e carballos, co compromiso de coidalas e facer seguimento da súa evolución.

O proxecto chega despois de que, meses atrás, se dese a coñecer a integración da finca anexa ao colexio (na contorna da rúa Anduriñas) no recinto escolar, abrindo a porta a novos usos educativos ao aire libre. Entre as ideas trasladadas pola comunidade educativa figuraban tamén a creación dunha aula exterior, espazos de traballo e unha horta, nun deseño pensado para aprender desde a práctica e o contacto directo co medio.

⚙ Configurar cookies
0.083031177520752