Arrinca a cuarta edición de ‘Culleredo, de cine’ con 60 estudantes do IES Eduardo Blanco Amor

O Concello de Culleredo, a través da Área de Xuventude, puxo en marcha unha nova edición de ‘Culleredo, de cine’, a iniciativa municipal que busca achegar ao alumnado do municipio ao mundo da creación audiovisual desde unha óptica práctica. As sesións xa comezaron no IES Eduardo Blanco Amor e, neste 2025, participan un total de 60 estudantes de 4º da ESO e 1º de Bacharelato.
A primeira tenente de alcalde e concelleira de Xuventude, Cristina Pardo, foi a encargada de abrir oficialmente esta cuarta edición, que volve estar guiada polo profesional do sector audiovisual Hugh McGinley. Durante a presentación, Pardo subliñou que o programa permite que a xuventude se familiarice coa linguaxe audiovisual mentres potencia a creatividade e o traballo en equipo, ademais de ofrecer unha aprendizaxe que transcende o ámbito da aula e contribúe ao desenvolvemento de capacidades artísticas e persoais.
O proxecto pretende consolidar o formato de curtametraxe entre a mocidade, que traballará en grupo participando en todas as fases do proceso: desde a xeración da idea inicial ata a produción final das pezas. Ao longo das sesións, o alumnado contará con formación específica e acompañamento continuo, reproducindo a dinámica dun equipo de rodaxe profesional.
No contido do programa abordaranse cuestións centrais como a construción de historias adaptadas ao audiovisual, a narrativa, o ritmo e os diálogos, xunto con aspectos técnicos como os tipos de planos, os movementos de cámara, o deseño do storyboard e a preparación do plan de rodaxe. A iniciativa culminará cunha gravación real, na que serán os propios estudantes quen asuman os diferentes roles técnicos e creativos.