Arrinca a campaña para pedir praza nas escolas infantís municipais de Miño

O Concello de Miño ten xa en marcha o calendario de solicitudes para as súas dúas escolas infantís municipais (A Ceboliña, na vila, e a nova E.I. de Xarío). As familias que xa teñen crianzas matriculadas poden formalizar a reserva de praza ata o 15 de marzo, mentres que o prazo para novas solicitudes permanecerá aberto ata o 31 de marzo.
Segundo recolle a normativa municipal, as escolas infantís están dirixidas a nenas e nenos de 0 a 3 anos, aínda que o ingreso só pode facerse unha vez cumpridos os 3 meses.
No caso da EIM A Ceboliña, o regulamento fixa unha capacidade de 76 prazas, distribuídas en distintas unidades por idades. O proceso de admisión dá prioridade á continuidade do alumnado xa escolarizado e contempla criterios como ter irmáns con praza renovada, a situación laboral da unidade familiar ou a preferencia pola xornada completa. En caso de empate, desempátase pola orde de presentación das solicitudes.
Ademais, o sistema de admisión recolle a preferencia para as unidades familiares empadroadas no concello e limita a opción das familias doutros municipios ás prazas da quenda de tarde, agás que existan vacantes na quenda de mañá.
A convocatoria deste ano chega marcada pola próxima apertura da nova escola infantil de Xarío, que permitirá elevar a oferta municipal ata as 129 prazas de 0 a 3 anos. O centro contará con tres aulas, cada unha co seu patio, ademais de comedor e zona verde, nunha actuación financiada con fondos Next Generation canalizados a través da Xunta.