Arredor de 300 persoas reuníronse en Curtis para apoiar a investigación contra o cancro

O Recinto Feiral de Curtis acolleu o pasado domingo, 5 de outubro de 2025, a edición anual da Comida Solidaria Curtis–Teixeiro, un encontro benéfico promovido pola Xunta Local da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) coa colaboración do Concello de Curtis. Case 300 persoas achegáronse á cita para contribuír á investigación oncolóxica e apoiar os servizos que a AECC presta de balde á poboación.
A recadación da xornada destinarase a financiar atencións fundamentais como apoio psicológico, logopedia, asesoramento nutricional, fisioterapia, obradoiros para deixar de fumar e actividades de mindfulness, entre outras axudas que melloran a calidade de vida de pacientes e familiares. A maior parte dos asistentes participou activamente non só asistindo ao xantar, senón adquirindo rifas e facendo doazóns.
A Comida Solidaria celebra cada ano alternando sede entre Curtis e Teixeiro —este 2025 tocoulle a Curtis— e converteuse nunha tarde chea de emoción e solidariedade. O programa incluiu dous sorteos: un lote de xoias entregadas anonimamente e outro con agasallos achegados por comercios locais, contribucións que reforzan o tecido comunitario.
O ambiente festivo completouse coa actuación dunha cantante convidada que interpretou varias pezas. Un dos momentos máis emocionantes do día chegou cando o público se ergueu para entoar, xuntos, o retrouso de “Color esperanza” de Diego Torres, creando unha imaxe colectiva de esperanza e apoio mutuo.
Desde a Xunta Local da AECC de Curtis–Teixeiro resaltaron 'a enorme xenerosidade dos veciños e veciñas', lembrando que a implicación cidadá va máis alá da asistencia: 'tamén colaboran mercando rifas ou enviando doazóns que fan posible manter os servizos gratuíto', explicaron.
Ao longo do ano, a AECC organiza diversas accións de recadación, campañas de prevención e actividades de sensibilización co obxectivo de visibilizar unha enfermidade que afecta de forma directa ou indirecta a moitas familias. O Concello de Curtis agradeceu expresamente o traballo continuado da AECC e a implicación dos negocios e da cidadanía nesta cita solidaria.