Arranca na Coruña a décimosexta edición de Poetas Di(n)versos

ACoruñaXa
O ciclo, organizado polo Concello en colaboración coa poeta e Premio Nacional de Poesía 2023 Yolanda Castaño, está consolidado como a única cita estable de España que acolle poetas internacionais mes tras mes
Imaxe do Centro Sociocultural Ágora na Coruña
Imaxe do Centro Sociocultural Ágora na Coruña
7 Oct 2024

Por décimo sexto curso consecutivo, a programación poética do Concello da Coruña propón novos recitais poéticos internacionais xunto a voces en galego. A carón de poetas chegados dende a Limia, As Pontes ou Ferrol, chegarán outros e outras dende Transilvania, Iraq ou Cataluña cos seus versos en romanés, árabe e catalán. O ciclo de lecturas públicas, abertas e gratuítas e impulsado polo Goberno de Inés Rey, está coordinado pola poeta e xestora cultural Yolanda Castaño, recoñecida o pasado ano co Premio Nacional de Poesía. Foi inaugurado en 2009 converténdose nunha cita de referencia pola súa regularidade, diversidade e alta calidade literaria proxectada a través da voz dos seus propios autores e autoras.

Así, o trimestre inaugural e de outono desta décimo sexta edición comeza este luns, 7 de outubro, no Centro Ágora ás 20.00 horas. Farao co romanés Radu Vancu e o limiao
Xabier Xil Xardón. O galego, Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, leva case dúas décadas intervindo en recitais, volumes colectivos e combinacións de poesía, audiovisual e artes escénicas. Pola súa banda, o prolífico e premiado autor nacido en Sibiu (1978) é tamén ensaísta, tradutor, antólogo, profesor universitario, redactor xefe da revista literaria Transilvania e editor de Poesis International.

Á cita de outubro seguiralle o recital da consagrada autora en lingua árabe Duna Ghali e da premiada co Miguel Glez.-Garcés e o Premio Afundación de Poesía, Medos Romero. A iraquí e a pontesa compartirán escenario do Ágora o luns 4 de novembro.

Para rematar o ano e os primeiros tres meses de lecturas, o luns 23 de decembro tomarán o relevo o ferrolán Mario Regueira, un dos críticos literarios galegos de maior relevo ademais de poeta e narrador, e unha das voces máis fulgurantes e prometedoras da nova literatura catalá, Pol Guasch.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17304182052612