Arranca este xoves o Encontro Mundial de Humorismo na Coruña ata o 5 de maio
O Encontro Mundial de Humorismo arranca este xoves, 25 de abril, a súa cuarta edición na Coruña. Serán once xornadas para construír e destruír realidades a través do humor, ademais de derrubar tristuras e clixés coa mellor comedia do momento.
Deste xeito, ata o 5 de maio, o EMHU 2024 reunirá na cidade ás figuras máis destacadas da escena humorística estatal e galega, como é o caso de Álex Clavero, Ana Morgade, Carolina Iglesias, David Amor, David Cepo, David Perdomo, Eva Hache, Galder Varas, Goyo Jiménez, Henar Álvarez, Ignasi Taltavull, Javier Veiga, Juan Dávila, Juan Herrera, Jordi Moltó, Leo Harlem, Luis Piedrahita, Raquel Martos, Roberto Vilar, Sílvia Abril, Tomàs Fuentes, Xosé Antonio Touriñán ou o trío As R(h)umorosas, conformado por Carmen Méndez, Ledicia Sola e Marta Doviro.
O podcast ‘El Nicho’, do coruñés David Perdomo, será o evento encargado de inaugurar este EMHU 2024 no Auditorio da Sede Afundación. A cita (xoves 25, ás 20.00 horas) contará cun invitado moi especial: Xosé A. Touriñán. A apertura de portas terá lugar ás 19.30 horas e o acceso será libre até completar a capacidade do auditorio. Cómpre salientar que esta actividade forma parte da campaña Cultura por Alimentos, na que o EMHU e o Concello colaboran con Afundación (Obra social ABANCA), de xeito que o público terá a opción de “trocar” a súa entrada de balde por unha doazón de alimentos non perecedoiros que, posteriorimente, distribuirá o Banco de Alimentos Rías Altas.
Pola súa banda, o venres, 26 de abril, o EMHU servirá un dos seu pratos fortes deste 2024 no Coliseum. A partir das 21.00 horas, máis de 6.500 persoas gozarán con ‘La capital del pecado 2.0’, de Juan Dávila, un dos ‘showman’ máis aclamados do momento; e que regresa ao evento logo de encher no EMHU 2023, en cuestión de minutos, o Teatro Colón. Para ver a Dávila nesta edición, os billetes esgotáronse nunhas horas.
Coa cifra récord de máis de 20.000 entradas e convites despachados, a cuarta edición do Encontro Mundial de Humorismo presentará na Coruña algúns dos espectáculos en xira máis relevantes do momento, como ‘Mentes peligrosas’, ‘Esto no es un show’ ou ‘La ruina’, mais tamén ofrecerá as xa clásicas galas de produción propia ‘Humoris Causa’ e ‘Fantastic Colofon’, a gala final na que se entregarán os Premios EMHU 2024 a Antonio Resines, Goyo Jiménez e Xosé Ramón Gayoso. Para todas estas citas as entradas están esgotadas desde hai semanas, pero o público aínda pode gozar dalgunhas propostas do EMHU 2024: quedan os últimos billetes dispoñibles para ‘Celebreixon’ (con Roberto Vilar, 28 de abril, en dobre función), a obra de teatro ‘Go Home’ (con David Amor e Josito Porto, 1 de maio, baixo a dirección de Tito Asorey) ou a estrea en España da xira ‘Tengo cosas para hacer’ da arxentina Dalia Gutmann (3 de maio en Afundación).
Ademais, o público interesado en asistir ao EMHU de xeito gratuíto, terá a oportunidade de achegarse até a Sede de Afundación para rir co ‘Match de Impro’, da Escuela Impro Coruña (27 de abril, 12.30h) ou ser parte dos parladoiros ‘Coidado coas bromas. Unha mesa redonda sobre os perigos da comedia’ (30 de abril, 20.00h) e ‘O negocio do humor’ (4 de maio, 12.30h). Ademais, a Librería Santos Ochoa da rúa Teresa Herrera acollerá a presentación e sinatura do libro ‘Pérdidas de risa’, un acto no que a súa autora, Sílvia Abril conversará co público nun diálogo moderado polo director artístico do EMHU, Luis Piedrahita.
Dúas semanas bañadas polo mellor da comedia
O Encontro Mundial de Humorismo, é a cita humorística máis relevante de España tanto polo número de actividades como de público, celebrará a súa cuarta edición na Coruña do 25 de abril ao 5 de maio. O evento está impulsado polas produtoras Etiqueta Negra e El Espectador, e conta co apoio do Concello da Coruña.
A programación de pago do EMHU 2024 contará con dez espectáculos que terán lugar en cinco recintos culturais. As sedes serán o Coliseum, no que estará Juan Dávila; o Teatro Colón, que acollerá boa parte do programa –‘Celebreixon’, ‘Go Home’, ‘Esto no es un show’, ‘La nueva normalidad’, ‘La ruina’ e a gala de clausura ‘Fantastic Colofon’-; o auditorio do Palexco, no que se darán cita as ‘Mentes peligrosas’ de Ana Morgade, Carolina Iglesias, Eva Hache e Henar Álvarez; a sede de Afundación, na que actuará a arxentina Dalia Gutmann; e o Pazo da Ópera, que acollerá o sábado 4 de maio a gala ‘Humoris Causa’ -na que se atoparán por vez primeira xuntos nun escenario Leo Harlem, Luis Piedrahita, Goyo Jiménez e Sílvia Abril-.
Alén destes espectáculos, o EMHU conta cunha ampla programación de actividades paralelas gratuítas, de xeito que todos os públicos poidan acceder ao grande evento do humor do país. É o caso da proposta ‘Lo que me han enseñado los mayores’, de Jordi Moltó, ou a gravación do podcast ‘El sentido de la birra’, con Ricardo Moya, quen contará con Antonio Resines como convidado. As invitacións para estas dúas actividades esgotáronse en horas.
Porén, aínda é posible asistir a outras das actividades de entrada libre do EMHU. En Afundación (na que se convida ao público a participar na campaña Cultura por Alimentos, que supón “trocar” a entrada de balde por alimentos non perecedoiros para o Banco de Alimentos Rías Altas) daranse cita ‘El Nicho’ de David Perdomo, ‘Match de Impro’ da Escuela Impro Coruña, e os parladoiros ‘Coidado coas bromas. Unha mesa redonda sobre os perigos da comedia’ e ‘O negocio do humor’. Ademais, a Libraría Santos Ochoa acollerá a presentación do novo libro de Sílvia Abril, nomeado ‘Pérdidas de risa’.
Programación do EMHU 2024
25/04, Sede Afundación | ‘El Nicho’, de David Perdomo. Con Xosé A. Touriñán. Entrada libre ata completar capacidade
26/04, Coliseum | La capital del pecado 2.0, de Juan Dávila.
27/04, Sede Afundación | ‘Match de impro’, da Escuela de Impro Coruña. Entrada libre ata completar capacidade.
27/04, Palexco | ‘Mentes peligrosas’. Con Ana Morgade, Carolina Iglesias, Eva Hache e Henar Álvarez.
28/04, Teatro Colón | ‘Celebreixon’, de Roberto Vilar.
30/04, Teatro Colón | ‘Lo que me han enseñado los mayores’, con Jordi Moltó. Entrada gratuíta previa retirada de invitacións.
30/04, Sede Afundación | ‘Cuidado con las bromas: una mesa redonda sobre los peligros del humor’, con Alberto Olmos, Dani Alés, José María Rodríguez Santos e Luis Álvaro. Entrada libre ata completar capacidade.
01/05, Teatro Colón | ‘Go Home’. Con David Amor e Josito Porto.
02/05, Teatro Colón | ‘Esto no es un show’, de Galder Varas.
03/05, Afundación | ‘Tengo cosas para hacer’, de Dalia Gutmann.
03/05, Libraría Santos Ochoa | Presentación e firma de ‘Perdidas de risa’, de Silvia Abril, coa participación de Luis Piedrahita. Entrada libre ata completar capacidade.
03/05, Teatro Colón | ‘La nueva normalidad’, de Álex Clavero.
04/05, Sede Afundación | ‘El negocio del humor’, con Álex Clavero, Juan Herrera, Luis Piedrahita e Raquel Martos. Entrada libre ata completar capacidade.
04/05, Teatro Colón | ‘La ruina’. Con Ignasi Taltavull e Tomàs Fuentes.
04/05, Pazo da Ópera | ‘Humoris Causa’. Con Goyo Jiménez, Leo Harlem, Luis Piedrahita e Sílvia Abril.
05/05, Teatro Colón | ‘El sentido de la birra’, con Ricardo Moya e Antonio Resines
05/05, Teatro Colón | ‘Fantastic Colofon’. Con As R(H)umorosas (Carmen Méndez, Ledicia Sola e Marta Doviro), David Cepo, Javier Veiga e Xosé. A. Touriñán.