Arranca en Culleredo o campamento urbano de Semana Santa con 95 crianzas

ACoruñaXa
A acollida foi boa xa que a cifra supón case a totalidade das 100 prazas ofertadas
cull-semana-santa
17 Apr 2025

O Concello de Culleredo puxo en marcha unha nova edición do seu campamento urbano de Semana Santa, unha iniciativa que busca facilitar a conciliación das familias durante o período vacacional escolar. A actividade, que leva por título “O misterio da chave perdida”, comezou o pasado luns 14 de abril no CEIP Vila de Rutis e desenvolverase ata o luns 21, excluíndo as fins de semana e os días festivos.

O campamento celébrase en horario de 9.00 a 14.00 horas e conta coa participación de 95 nenas e nenos de entre 3 e 12 anos, todos eles matriculados en Educación Infantil ou Primaria. A cifra supón case a totalidade das prazas ofertadas, que eran 100, o que confirma a boa acollida da proposta entre as familias do municipio.

A temática escollida para esta edición combina misterio, enxeño e mitoloxía. Os pequenos participantes teñen por diante o reto de atopar as catro chaves perdidas que abren as portas do imaxinario “Reino Culler”, a través de xogos e actividades deseñadas para fomentar a creatividade e o traballo en equipo.

A concelleira de Cultura, Penélope López, achegouse ao centro para compartir un intre coas crianzas e os educadores. Durante a visita, destacou o éxito da convocatoria: “Observamos un incremento no número de participantes, o que mostra que esta iniciativa está a funcionar moi ben”. Tamén puxo en valor a importancia destes programas: “Ofrecen alternativas de lecer educativo e contribúen a que as familias de Culleredo poidan conciliar durante os períodos non lectivos”, sinalou a edila.

 

⚙ Configurar cookies
0.15889406204224