Arranca a XXVIII edición da Feira das Marabillas

ACoruñaXa
O horario de apertura é de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 0.00 horas
feira das marabillas coruna
Imaxe da feira
25 Jul 2024

A XXVIII edición da Feira das Marabillas comezou o pasado mércores, 24 de xullo, cun acto de apertura no que participaron a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, e a concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas. O epicentro dos festexos volve ser a Cidade Vella e a praza de María Pita, onde haberá actividades ata este domingo, 28 de xullo.

O Concello organiza xunto coa Asociación Comercial e Empresarial ‘Ciudad Antigua’ da Coruña (ACECA). “Este acontecemento xa forma parte do imaxinario do verán coruñés, e serve de antesala das grandes festas de agosto, as festas de María Pita”, sinalou Nereida Canosa durante a apertura da mostra, celebrada na praza de Azcárraga. O evento ten orixe na Feira Franca do século XVI e retomouse no 1993 como feira de ambientación medieval. A Cidade Vella recreará A Coruña da Idade Media, con cinco días de actividades gratuítas para todos os públicos.

Ata 16 compañías artísticas participarán nesta edición, na que volverá a contarse co Recuncho das Pícaras na praza de María Pita, con atraccións e actividades pensadas para os e as máis pequenas. Entre a extensa programación destaca o encontro de música medieval que se celebrará na igrexa de Santiago hoxe, mércores 24, ás 20.30 horas, con entrada libre ata completar capacidade. A oferta da feira complétase con numerosas propostas gastronómicas, de ocio e comerciais. O horario de apertura da feira é de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 0.00 horas.

A Feira das Marabillas é unhas das actividades incluídas polo Goberno de Inés Rey no extenso calendario cultural e de ocio previsto para este verán.

0.15697908401489