Arranca en Miño a selección de alumnado do obradoiro Ártabro Emprende

ACoruñaXa
Esta iniciativa ten como obxectivo fomentar a inserción laboral das persoas que finalizasen con éxito este programa formativo
Imaxe recurso dun xardiñeiro
12 Out 2024

O Concello de Miño aprobou as bases reguladoras para a concesión de axudas dirixidas á contratación temporal dos participantes do Obradoiro Dual de Emprego Ártabro Emprende IV. Esta iniciativa, financiada pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, ten como obxectivo fomentar a inserción laboral das persoas que finalizasen con éxito este programa formativo.

A convocatoria, destinada a empresas e autónomos cuxa actividade estea relacionada coas especialidades do obradoiro –Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes–, outorgará un total de 12.000 euros en axudas. Este importe permitirá subvencionar ata 8 contratos laborais a xornada completa, cunha duración mínima de tres meses. As axudas serán de 1.500 euros por traballador/a contratado/a.

As entidades interesadas en participar deberán cumprir cunha serie de requisitos, como a formalización do contrato dentro dos 15 días seguintes á finalización do obradoiro, prevista para o 23 de novembro de 2024. As solicitudes poderán presentarse no rexistro xeral do Concello de Miño nun prazo de 20 días naturais tras a publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

Con esta iniciativa, o Concello de Miño busca facilitar a transición ao mercado laboral das persoas que participaron no Ártabro Emprende IV, promovendo a contratación en sectores clave para o desenvolvemento local.

Para máis información sobre os requisitos e o proceso de solicitude, os interesados poden consultar as bases completas na páxina web do Concello de Miño ou na sede electrónica municipal.

0.075795888900757