Arranca a International Summer School 2025 na UDC con presenza de 33 nacionalidades

ACoruñaXa
Os cursos impártense na FEE e na Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSAC)
curso-udc-internacional
14 Jul 2025

A Facultade Economía e Empresa (FEE) acolleu hoxe o comezo da International Summer School (ISS) da Universidade da Coruña, que terá lugar ata o 25 de xullo nos campus de Elviña e Zapateira.

Esta edición reúne a máis dun centenar de estudantes de 33 nacionalidades diferentes, consolidando a UDC como un referente en internacionalización e formación global.

O reitor da UDC, Ricardo Cao, acompañado polo vicerreitor de Titulacións e Internacionalización, Moisés Canle, e a adxunta de Política Internacional, María Bobadilla, foi o encargado de inaugurar estas xornadas nas que destacou a importancia desta escola de verán, que desde a súa creación en 2014 leva acollidos miles de estudantes e docentes de 70 países.

Durante estas dúas semanas, o alumnado poderá participar nunha variada oferta académica orientada ao mercado dixital e con proxección internacional. Unha programación que oferta máis de 30 cursos, todos impartidos en inglés, que abranguen unha ampla gama de disciplinas, desde a IA e a sustentabilidade ata o dereito internacional, a psicoloxía empresarial, a gobernanza climática e o escaneo láser 3D, entre outras.

Os cursos impártense na FEE e na Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSAC), e están deseñados para fomentar o pensamento crítico, a innovación e a colaboración intercultural.

Ademais do programa académico, o alumnado e profesorado participará nun programa social que inclúe actividades culturais e de ocio como visitas ao Castelo de San Antón, o Aquarium Finisterrae, unha ruta por Betanzos, así como unha carreira de orientación polo casco antigo de A Coruña. Estas actividades están pensadas para favorecer a integración, o intercambio cultural e o coñecemento do entorno local.

A International Summer School representa unha excelente oportunidade para a UDC de fortalecer a súa estratexia de internacionalización, promovendo unha universidade aberta, inclusiva e conectada cos grandes retos globais.

⚙ Configurar cookies
0.16451787948608