Arranca a conexión final do Paseo Marítimo Oleiros-Cambre por 1,8 millóns de euros

A conexión definitiva do paseo da ría entre Oleiros e Cambre está a piques de converterse en realidade. O vindeiro luns, 20 de novembro de 2025, darán comezo os traballos de maquinaria pesada para a execución do tramo pendente. A xornada de hoxe estivo marcada polo replanteo inicial e unha xuntanza de coordinación in situ entre a xefatura de Costas da Coruña e o Concello de Oleiros.
O proxecto, cun investimento de 1,8 millóns de euros e un período estimado de nove meses, desenvolverase sobre terreos municipais cualificados como zona verde, concretamente no parque público do Seixo.
A construción das escolleiras e a propia senda implicarán a tala dos eucaliptos situados na fronteira co futuro paseo, así como a eliminación das acacias que limitan co actual tramo cambrés. Tamén serán retiradas as árbores dos dous foxos preexistentes que noutrora serviron de embarcadoiros.
O alcalde, Ángel García Seoane, defendeu o proceso e os atrasos, que foran obxecto de críticas no pasado: 'Criticárasenos moito cando impedíramos que se pasase polo tramo do paseo novo. Facíao porque había un risco moi evidente para as persoas e tamén para que se rematase a obra, porque non podía quedar desconectado Oleiros e Cambre. Finalmente o tempo dános a razón e logramos que se vai crear este paseo, ademais de facer tamén o tramo do Paraíso'.
A finalización deste segmento é fundamental, xa que conectará o Paseo da ría coas infraestruturas de Cambre e Culleredo. Asemade, dará continuidade á extensa rede de sendas e paseos litorais que o Concello de Oleiros ten aberto ao público, permitindo a circulación ininterrompida dende Lorbé ata Perillo. Esta malla verde e azul verase proximamente ampliada co novo tramo costeiro de Dorneda, entre Naval e Canide.