Aranga únese á compostaxe doméstica, clave para reducir o lixo

ACoruñaXa
O Concello ofrece composteiros gratuítos, formación práctica e asesoramento durante 2025 para as familias con terreo que queiran transformar os seus residuos orgánicos en abono
ARANGA compostaxe
6 Oct 2025

O Concello de Aranga lanza unha campaña de compostaxe doméstica dirixida ás familias que dispoñen dun pequeno terreo, co obxectivo de reducir a cantidade de lixo que chega ao sistema de recollida e promover a valorización dos biorresiduos como recurso. Segundo o goberno municipal, case a metade do peso do lixo doméstico é materia orgánica, polo que a súa correcta xestión é vital para protexer o medio ambiente e reducir os custos de tratamento.

A iniciativa inclúe a entrega gratuíta de composteiros e dun kit básico para a autocompostaxe, formación práctica sobre o proceso e un servizo de asesoramento e seguimento técnico ao longo de todo o ano 2025. As persoas interesadas poden inscribirse na web aranga.ocaminosostible.gal, presencialmente no Concello ou chamando ao 647 521 464; as prazas e a entrega do material requiren confirmación previa e as datas concretas das xornadas publicarase nas redes sociais municipais.

O Concello lembra que a compostaxe doméstica non só diminúe o volume de residuos a tratar, senón que xera abono natural de grande calidade que pode mellorar solos e horta doméstica. A campaña está financiada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España a través dos fondos NextGenerationEU.

⚙ Configurar cookies
0.086731195449829