Aranga convoca un concurso infantil de postais de Nadal con entrega de premios o 2 de xaneiro

O Concello de Aranga vén de poñer en marcha unha nova edición do seu Concurso de Postais de Nadal, unha iniciativa dirixida á infancia coa que se busca incentivar a creatividade e a participación das nenas e nenos durante estas datas.
As postais deberán entregarse depositándoas no buzón itinerante de SS.MM. e o prazo estará aberto ata o 2 de xaneiro. O Concello indica que o buzón poderá atoparse na escuelita ata o 19 de decembro e tamén durante o programa Concilia Aranga Nadal. Ademais, estará dispoñible no pavillón coincidindo coa celebración do Festival de Nadal.
A entrega de premios terá lugar o propio 2 de xaneiro, no marco da actuación musical infantil de Lydia Botana, prevista para as 18.30 no Pozo do Encanto, con entrada de balde.