Aranga activa o Nadal 2025 cun programa gratuíto de conciliación, robótica e propostas para toda a familia

O Concello de Aranga vén de presentar o seu programa de Nadal 2025 cunha axenda pensada para facilitar a conciliación das familias e ampliar a oferta de lecer infantil durante as vacacións. A participación nas actividades require inscrición previa a través do formulario habilitado polo consistorio.
O groso da programación céntrase nas xornadas de conciliación para nenos e nenas de 3 a 12 anos, que se celebrarán os días 22, 23, 26, 29 e 30 de decembro e tamén o 2, 5 e 7 de xaneiro, en horario de 10.00 a 14.00 horas. As sesións do luns e martes serán no anexo do CEIP A Castellana e o resto dos días en O Toxino, con inscrición obrigatoria e carácter gratuíto.
Ademais, o Concello oferta un obradoiro de robótica para idades de 10 a 12 anos, previsto para os días 22, 23, 29 e 30 de decembro, de 10.30 a 12.00 horas, na Aula de Lectura do Toxino. Esta actividade está promovida pola Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña e tamén será de balde.
A programación complétase con dúas saídas: unha excursión ao Museo das Ciencias da Coruña e ao planetario o venres 26 de decembro (saída ás 9.00 e regreso arredor das 14.00 horas), cun custo de 5 euros (de balde para participantes do Concilia); e unha viaxe á Feira de Nadal de Lugo o sábado 3 de xaneiro, con saída ás 15.30 e volta aproximada ás 21.00 horas, por 5 euros. No caso desta última, as persoas menores de 10 anos deberán ir acompañadas por unha persoa adulta responsable.
No apartado cultural, Aranga inclúe unha actuación musical infantil o 2 de xaneiro ás 18.30 horas en O Pozo do Encanto e unha sesión de animación coas SS.MM. Reis Magos o 5 de xaneiro ás 18.30 horas no anexo do CEIP A Castellana, ambas con entrada de balde.