Aranga acolle unha xornada informativa sobre a IXP Castaña de Galicia

ACoruñaXa
A cita será o 14 de xaneiro, ás 11.00, no local anexo do CEIP da Castellana e servirá para explicar o funcionamento do selo que certifica a orixe e a calidade da castaña galega
ARANGA castañas
11 Jan 2026

O Concello de Aranga organiza o vindeiro 14 de xaneiro unha xornada informativa centrada na Marca de Calidade IXP Castaña de Galicia, unha iniciativa orientada a poñer en valor un dos produtos máis representativos do rural galego. O encontro celebrarase ás 11.00 no local anexo do CEIP da Castellana e terá entrada libre ata completar aforo.

A sesión está pensada como un espazo para coñecer de primeira man o traballo que se desenvolve arredor do selo e as posibilidades que abre para produtores e operador@s do sector. A IXP (Indicación Xeográfica Protexida) é unha figura de calidade diferenciada que ampara a comercialización baixo uns requisitos e controis específicos, co obxectivo de garantir ao consumidor a procedencia e determinadas condicións do produto.

No caso da Castaña de Galicia, a indicación foi creada en 2009 e conta cun Consello Regulador como órgano de xestión. Ademais, nos últimos anos actualizouse o seu prego de condicións e ampliouse a posibilidade de produción amparada a todo o territorio galego, un cambio que busca reforzar o potencial do sector na comunidade.

Desde o Concello salientan que a xornada é unha oportunidade para afondar no papel da castaña no desenvolvemento rural e na creación de valor engadido no territorio, nun municipio con tradición vinculada ao monte e aos recursos forestais.

⚙ Configurar cookies
0.078463077545166