Aranga acolle un taller para aforrar na factura da luz e do gas no Centro Social de Muniferral

ACoruñaXa
A Fundación Naturgy ofrecerá o 7 de novembro ás 11.00 h unha sesión gratuíta para explicar as facturas e as axudas dispoñibles ás familias
ARANGA local social Muniferral
31 Oct 2025

A Fundación Naturgy desenvolverá no Centro Social de Muniferral, en Aranga, un taller práctico e de balde orientado a axudar ás familias a entender as facturas de electricidade e gas natural e a aproveitar as axudas públicas que poden reducir o gasto doméstico. A cita terá lugar o venres, 7 de novembro de 2025, ás 11.00 horas.

Durante a sesión, o persoal formador analizará paso a paso os conceptos da factura e resolverá dúbidas habituais sobre contratación, potencia, consumo, tarifas e bonificacións. Recoméndase traer unha factura recente de luz ou gas para recibir aconsellamento individualizado e identificar melloras concretas.

Trátase dunha actividade sen carácter comercial, concibida exclusivamente para a aprendizaxe e a divulgación, co obxectivo de facilitar decisións de consumo máis informadas. As inscricións poden realizarse no correo apuntarearanga@gmail.com ou nos teléfonos 981 793 590 e 674 094 291. O Concello informa de que existe posibilidade de transporte para as persoas inscritas, previa consulta de dispoñibilidade no momento da anotación.

⚙ Configurar cookies
0.070661067962646