Apróbase a construción dun novo edificio de 32 vivendas no barrio coruñés de Xuxán
Na Xunta de Goberno Local celebrada este mércores, 17 de abril, no Concello da Coruña informouse do balance das licenzas resoltas no período entre os días 27 de marzo e 11 de abril, con 201 expedientes notificados, dos que 20 foron licenzas urbanísticas e 105 foron obras en réxime de comunicado.
Neles, destaca, como expediente particular, a licenza concedida para a construción dun novo edificio residencial no barrio de Xuxán, que estará situado na parcela Z-16. No proxecto presentado pola empresa promotora estipúlase a creación dun edificio de planta baixa e cinco alturas con 32 novas vivendas e outros tantos rochos, así como tres sotos destinados a garaxes, con 67 prazas de aparcamento.
As obras terán que comezar nun prazo máximo de medio ano, e o prazo de execución estímase en 30 meses. O orzamento para a construción deste novo edificio de vivendas en Xuxán é de 3,3 millóns.
A conexión peonil e ciclista entre Xuxán e Matogrande, moi próxima
A alcaldesa, Inés Rey, apuntou en rolda de prensa que a concesión de licenza na parcela Z-16 “facilita o desenvolvemento residencial do barrio, onde xa se están a ultimar as novas conexións con Matogrande, co obxectivo de habilitar a circulación peonil e ciclista ao longo das vindeiras semanas”.
O paso de vehículos habilitarase a posteriori, xa que como paso previo á circulación do tráfico rodado é necesario executar probas de avaliación con respecto á estrutura, esixidas por ADIF, polo que suporá a circulación constante de vehículos no paso en U que vai sobre a vía férrea. “É un trámite lóxico e habitual neste tipo de intervencións sobre vías férreas, necesario para abrir ao 100% o paso en U con todas as garantías, polo que nos vindeiros días ofreceremos máis detalles ao respecto”, explicou Inés Rey.
Ademais, na Xunta de Goberno Local tamén se concedeu licenza para a construción dun novo edificio no número 11 da rúa San Pedro, nunha parcela que, actualmente, é o penúltimo soar edificable baleiro desta rúa de Orillamar.