Aprobado o regulamento do novo Consello Económico e Social da Coruña

O Goberno local da Coruña deu un paso decisivo cara á participación cidadá coa aprobación en Xunta de Goberno Local extraordinaria do regulamento orgánico do novo Consello Económico e Social da Cidade da Coruña. Este órgano consultivo e participativo pretende converterse nun espazo de diálogo e colaboración entre administración, organizacións empresariais, sindicatos e outros axentes sociais.
A alcaldesa, Inés Rey, destacou que “a creación do Consello Económico e Social permitirá mellorar a participación e a transparencia a través dun organismo que aportará unha completa visión da cidade a través de todos os sectores que a integran”.
O regulamento establece tanto a composición como o funcionamento deste Consello, que terá a responsabilidade de emitir informes sobre grandes proxectos para a cidade, así como de elaborar unha memoria anual. Ademais, será unha ferramenta para fomentar a implicación activa dos principais actores económicos e sociais no deseño das políticas locais, o desenvolvemento económico e a planificación estratéxica da Coruña.
O Consello dividirase en cinco grupos de representación:
1. Representación corporativa: presidida pola alcaldesa ou un membro da Xunta de Goberno en quen delegue, incluirá tamén representantes do Goberno municipal e un membro de cada grupo político con representación plenaria.
2. Organizacións empresariais: contará con tres representantes propostos pola entidade empresarial máis representativa.
3. Organizacións sindicais: tamén con tres integrantes, designados polas centrais que conten coa maior representatividade.
4. Representación social colectiva: unha persoa da Universidade da Coruña, outra da Cámara de Comercio, unha da Federación de Asociacións Veciñais e outra dos colexios profesionais da cidade.
5. Representación social individual: ata cinco persoas con recoñecido prestixio e traxectoria nos ámbitos económico, social ou cultural, nomeadas polo Pleno municipal.
Tras esta aprobación inicial en Xunta de Goberno, o regulamento será debatido no Pleno ordinario de xullo. Unha vez superado ese trámite, abrirase un período de 30 días hábiles para presentar alegacións e propostas antes da súa aprobación definitiva.
Con este novo organismo, o Concello busca consolidar un espazo estable e plural de participación cidadá que permita sumar voces na toma de decisións sobre o futuro da cidade.