Aprobado o plan de medidas para aplicar na Coruña como zona de mercado residencial tensionado

ACoruñaXa
A aprobación deste paquete supón o último paso necesario para a entrada en vigor dos límites aos prezos do alugueiro
zona-tensionada-coru
23 Jul 2025

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, anunciou a aprobación do plan de medidas específicas que se aplicarán ata o ano 2028 ao abeiro da declaración da cidade como zona de mercado residencial tensionado. O obxectivo, segundo indicou, é "mellorar a situación actual da cidade en materia de vivenda, cun desequilibrio evidente fronte ao que xa estamos a actuar porque o acceso a unha vivenda digna e asequible é un dereito constitucional que cómpre respectar".

A aprobación deste paquete supón o último paso necesario para a entrada en vigor dos límites aos prezos do alugueiro establecidos pola Lei de Vivenda. O documento xa fora presentado na mesa sectorial de vivenda e agora, tras recibir luz verde da Xunta de Goberno Local, será remitido á Xunta de Galicia e ao Ministerio para a súa validación definitiva.

Segundo os datos oficiais do 15 de xullo, A Coruña conta con 870 vivendas públicas, das cales aproximadamente a metade son de titularidade ou xestión municipal, mentres que o resto dependen do IGVS. Fronte a esta oferta, rexístranse 3.761 demandantes. “A oferta é totalmente insuficiente, e isto ten as súas causas: falta de promoción de vivenda pública nos peores anos da crise, crecemento descontrolado das VUT e ausencia de medidas ata o ano 2019 para intervir nos edificios en ruínas ou inacabados”, afirmou Inés Rey.

A rexedora tamén destacou o forte impacto que ten o custo do alugueiro nas economías familiares, cun esforzo financeiro que supera o 30 % dos ingresos mensuais, segundo os informes técnicos municipais. “Iso non é sostible, afoga á cidadanía e diminúe a súa calidade de vida”, apuntou.

Catro eixes de actuación ata 2028

O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, explicou que o plan se articula arredor de catro bloques: fomentar a promoción de vivenda pública e protexida; actualizar e adaptar o marco normativo e dar impulso ao parque residencial; incentivar a rehabilitación e mobilización de vivendas baleiras; e reforzar a colaboración entre administracións para avaliar as medidas e facer seguimento.

Entre as medidas xa activas figuran as 55 vivendas públicas en construción en Xuxán e Marqués de Pontejos, financiadas con fondos propios ou captados polo Concello. Tamén se puxo en marcha a cesión de solo municipal a cooperativas e entidades do terceiro sector, o que permitirá a creación de 130 novas vivendas de alugueiro asequible. Ademais, mobilizouse solo municipal en zonas como os Rosales, a praza da Porticada ou Pedro Fernández, na Pasaxe, para a construción doutro cento de vivendas públicas en colaboración co IGVS.

Díaz Gallego sinalou tamén que se está a valorar a creación dun Banco Municipal de Vivendas destinadas ao alugueiro social, lembrando que “A Coruña está moi por debaixo da media europea de 3,2 vivendas sociais por cada 100 habitantes. Para equipararnos con ela, necesitaríamos un total de 8.000 vivendas públicas ou protexidas na cidade”.

Control das VUT e vivendas baleiras

Outro dos piares fundamentais do plan será a ordenación das vivendas de uso turístico (VUT). O edil lembrou que o Pleno xa aprobou unha nova ordenanza para regular este tipo de vivendas, “porque reducía o número de vivendas dispoñibles para alugueiro e, ademais, porque satura e incrementa os custos para a prestación de servizos municipais”.

Xunto a isto, o Concello tamén está a executar o Plan Municipal de Recuperación de Ruínas, que permite sacar a poxa pública forzosa os inmobles que incumpren as obrigas de conservación e rehabilitación. “Xa hai inmobles con licenza para rehabilitar, en San Andrés, por exemplo”, indicou Díaz Gallego.

Tamén se activará un programa para mobilizar vivendas baleiras a través da EMVSA, mediante a cesión por parte de propietarios para destinalas ao alugueiro asequible. Estímase que hai uns 19.000 inmobles desocupados na cidade.

As futuras convocatorias de axudas municipais de rehabilitación e accesibilidade estarán ligadas á incorporación das vivendas ao mercado de alugueiro asequible. Prevese tamén a concesión de axudas para o pago de seguros de impago e multirrisco, así como o estudo de bonificacións fiscais para vivendas baleiras que se poñan en alugueiro.

En paralelo, o Concello creará un rexistro de demandantes de vivenda de alugueiro social. No que respecta á regulación dos prezos, Francisco Díaz Gallego explicou que, “nos novos contratos de arrendamento de vivenda nos que o inmoble se ubique nunha zona de mercado residencial tensionado, a renda pactada non poderá exceder da última renda do contrato de arrendamento de vivenda habitual suxeito á Lei, que houbese estado vixente ao longo dos últimos cinco anos na mesma vivenda”.

Co conxunto de medidas previsto, o goberno local pretende facer fronte ao desequilibrio no acceso á vivenda e avanzar cara a unha cidade máis xusta e habitable.

⚙ Configurar cookies
0.16529202461243