Aprobadas ás primeiras 236 obras do Plan Único da Deputación na Provincia

ACoruñaXa
A pleno provincial aprobou por unanimidade as asignacións aos concellos do POS+2024, que este ano supera os 100 millóns de euros
Imaxe do pleno de maio da Deputación da Coruña
31 Maio 2024

A Deputación da Coruña celebrou este venres o pleno ordinario correspondente ao mes de maio no que se aprobou aprobou por unanimidade a asignación dos primeiros 50,5 millóns de euros do Plan Único (POS+2024), que inclúen financiamento de 236 obras nos municipios da provincia e 7 millóns de euros para o financiamento de gastos sociais dos concellos.Trátase da primeira achega do POS+2024, que este ano conta cun orzamento total de 100,5 millóns de euros para os 93 concellos coruñeses.

Nos vindeiros meses aprobarase o destino dos restantes 50 millóns, polo que o Plan Único podería superar este ano as 500 obras financiadas na provincia.

O Plan Único é o maior plan de obras e servizos das catro deputacións galegas e un dos máis importantes de España, con achegas económicas aos municipios que, ao final do ano, representan entre 90 e 100 millóns de euros anuais, case a metade do orzamento da Deputación da Coruña. Ademáis, permite que sexan os municipios os que decidan o destino de fondos en función das súas necesidades: obras e investimentos, mantemento de servizos públicos esenciais, gasto corrente, redución da débeda ou mantemento de servizos e axudas sociais.

O presidente, Valentín González Formoso, destacou que o Plan Único “multiplicou por tres o investimento da Deputación da Coruña nos concellos desta provincia” e converteuse “nunha ferramenta imprescindible para que os municipios coruñeses melloren as súas infraestruturas en función das necesidades de cada, podan ofrecer á cidadanía servizos públicos de calidade e reforcen os seus servizos sociais”, subliñou.

236 obras na Provincia

Con cargo a estes primeiros 50 millóns de euros do POS+2024, os concellos financiarán un total de 236 obras na Provincia, que foron aprobadas hoxe no pleno provincial e que suman un investimento total de 24,1 millóns euros. Outros 19,2 millóns serán destinados polos concellos a financiar gastos correntes que melloran servizos públicos municipais como alumeado público, limpeza viaria, recollida de lixo ou mantemento de zonas verdes e 7 millóns de euros a investimentos e programas de carácter social destinados á protección dos colectivos máis vulnerables.

Só catro dos 93 concellos optan por destinar unha pequena parte dos fondos (un total de 77.002 €) a amortización de débeda, o que é indicativo da boa saúde económica dos concellos da provincia tras anos nos que os fondos do Plan Único lles permitiron amortizar as súas débedas sen xuros.

Distribución por comarcas

Nos concellos da comarca da Coruña e As Mariñas, o Plan Único inviste nesta primeira achega 10,7 millóns de euros e financia 42 obras; en Ferrolterra-Ortegal suma 9,6 millóns e 49 obras; na área de Compostela 65 obras e preto de 15 millóns de euros de investimento; 8,7 millóns nos concellos de Bergantiños-Costa da Morte con 43 obras e 32 obras na comarca de Barbanza, onde suma un investimento total de 6,3 millóns de euros.

Construción de parques infantís, obras de humanización de rúas e espazos públicos, melloras en centros educativos ou deportivos municipais , creación de xardíns e zonas verdes, rehabilitación de locais veciñais ou obras de pavimentación, saneamento e abastecemento de auga en núcleos rurais son algúns dos investimentos que o Plan Único financiará este ano na provincia da Coruña.

Outros asuntos tratados no pleno

No apartado de Vías e Obras, o pleno de hoxe deu luz verde a investimentos en estradas provinciais por importe de máis de 1 millón de euros entre os que destacan a mellora do firme da estrada DP 1914 ao seu paso por Val do Dubra, entre os PQ 23+500 e 26+500 con 446.599 euros, a mellora da estrada DP 5604 entre os PQ 19+240 e 20+631 en Santa Comba (133.570 euros) e a mellora dos catro primeiros quilómetros da DP 7304 de Xarás a Olveira, en Ribeira, cun orzamento de 450.593 euros, todas elas incluídas no Plan de Conservación de Estradas Porvinciais.

Tamén se deu luz verde, no marco dun expediente de modificación de créditos, a unha achega de 750.000 euros coa que a Deputación da Coruña contribuirá co Concello de Ferrol no financiamento do novo sistema de iluminación do campo de fútbol de A Malata, en Ferrol, para que esta instalación municipal se adapte aos requerimentos da Liga de Fútbol Profesional.

Aprobouse tamén, por unanimidade de todos os grupos a achega da Deputación ao Consorcio para a promoción da Música para financiar a actividade da Orquesta Sinfónica de Galicia, cunha aportación provincial de 1,5 millóns de euros.

 

0.21189498901367