Aprobada inicialmente a nova ordenanza das vivendas de uso turístico en A Coruña

O Pleno do Concello da Coruña deu luz verde de maneira inicial á nova ordenanza que regulará as vivendas de uso turístico (VUT). Esta iniciativa, promovida polo Goberno de Inés Rey, enmárcase nun contexto de máximos históricos no prezo da vivenda e busca paliar os efectos que este fenómeno ten sobre o acceso á vivenda e a convivencia cidadá.
O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, puxo o acento na importancia de poñer en marcha esta normativa, dado o impacto que as VUT teñen sobre o mercado inmobiliario. "As vivendas de uso turístico reducen a dispoñibilidade de alugueiros residenciais, encarecendo os prezos e xerando dificultades na compatibilidade cos usos habituais das vivendas", explicou. Ademais, destacou que a proliferación deste tipo de aloxamentos xera retos en termos de servizos públicos e convivencia entre visitantes e veciñanza.
Díaz Gallego tamén subliñou a necesidade de conter o proceso de xentrificación e reiterou que o Goberno municipal está a utilizar todas as ferramentas ao seu alcance para mellorar as condicións de acceso á vivenda. "A ordenanza VUT non é a única solución, pero si unha peza clave neste proceso", afirmou. Así mesmo, lembrou que os informes técnicos municipais avalan que A Coruña cumpre os requisitos para ser declarada Zona de Mercado Residencial Tensionado, o que permitiría adoptar medidas adicionais para controlar os prezos do alugueiro.
A nova ordenanza, que contou co apoio do Goberno municipal e do BNG, así como coa abstención do PP, inicia agora o período de exposición pública antes de regresar ao Pleno para a súa aprobación definitiva.
O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda quixo agradecer a colaboración das asociacións e colectivos que achegaron propostas a través da Mesa Sectorial de Vivenda, un espazo de traballo que permitiu definir os detalles do regulamento. "Este modelo de participación foi recoñecido pola FEMP como un caso de éxito", destacou Díaz Gallego, quen tamén incidiu en que a folla de ruta do Goberno de Inés Rey pasa pola promoción de vivenda pública, a regulación do mercado e o impulso de axudas ao alugueiro.
A ordenanza establece que as vivendas de uso turístico non poderán situarse en pisos inmediatamente superiores a unha vivenda residencial, aínda que si se permitirá a súa localización en plantas baixas ou primeiras, dependendo da normativa urbanística vixente en cada zona. Ademais, poderán instalarse en edificios dedicados exclusivamente a este tipo de uso.
Díaz Gallego lembrou que, unha vez entre en vigor a ordenanza, os titulares de VUT disporán dun prazo de tres meses para regularizar a súa situación e obter a habilitación administrativa correspondente. No caso de incumprimento, as vivendas deberán ser dadas de baixa no Rexistro da Xunta.