Aprazado o inicio da folga indefinida dos buses na Coruña á espera dunha nova negociación coa patronal

ACoruñaXa
Os vehículos circularán o luns e sindicatos e empresarios volverán reunirse, aínda que o paro segue previsto para o martes se non hai avances
A CORUÑA folga bus 20 xan
1 Feb 2026

O inicio da folga indefinida no transporte en autobús da provincia da A Coruña queda, polo de agora, en suspenso. As organizacións sindicais CIG, UGT e Comisiones Obreras acordaron aprazar o paro que ía comezar este luns 2 de febreiro tras manter contactos coa patronal do sector, nos que se produciron certos avances, aínda que sen un acordo definitivo.

Deste xeito, o servizo funcionará con normalidade durante a xornada do luns, día no que está prevista unha nova reunión entre ambas partes. Con todo, os sindicatos manteñen a convocatoria de folga a partir do martes 3 de febreiro se as negociacións non desembocan nun preacordo que poida ser sometido á consideración da asemblea de traballadores.

Desde UGT, o responsable de Carreteras na Coruña, Iván Cancela, explicou que a decisión de atrasar o inicio da folga foi consensuada polas tres centrais e que nas conversas coa patronal se rexistraron avances como a creación dun complemento para o persoal que realiza servizos discrecionais, como excursións, unha reivindicación inexistente ata o de agora. Non obstante, recoñeceu que seguen existindo fortes discrepancias en cuestións clave como a xornada laboral e o salario. Cancela subliñou tamén que calquera eventual acordo deberá ser ratificado polos propios traballadores mediante votación en urna.

Unha valoración similar realizou Comisiones Obreras, cuxo secretario xeral da Federación de Servizos á Cidadanía na Coruña, Jorge García, apuntou a un achegamento progresivo das posturas, aínda que admitiu que a maior distancia continúa a darse no ámbito retributivo. Ao igual que UGT, evitou adiantar escenarios sobre o resultado da reunión do luns.

A posición máis crítica é a da CIG. O seu responsable de Transportes, Ernesto López Rei, cualificou os avances como insuficientes e asegurou que o sindicato é pesimista respecto á posibilidade de alcanzar un acordo a curto prazo. A central aceptou o aprazamento unicamente ata o luns e mantén que, se ese día non hai un preacordo concreto para trasladar á asemblea, a folga indefinida comezará o martes. A CIG denuncia que as propostas empresariais en materia salarial e de redución de xornada son mínimas e critica a falta de avances noutros aspectos como a nocturnidade.

O conflito laboral, que vén acompañado de paros parciais durante os últimos dous meses, mantén en vilo a miles de usuarios do transporte metropolitano, pendentes dunha negociación que será decisiva nas vindeiras horas.

⚙ Configurar cookies
0.079583883285522