Aprazada a Carreira Popular de Novo Mesoiro debido á alerta amarela por fortes ventos
A Carreira Popular de Novo Mesoiro, última proba do circuíto de carreiras populares Coruña Corre, que debía celebrarse este domingo, 24 de novembro, quedará aprazada debido á alerta amarela por fortes ventos prevista para ese día. A nova data para a celebración da proba será o 15 de decembro, mantendo a inscrición das persoas que se apuntaron para o evento deste domingo.
Tras analizar as previsións meteorolóxicas, as concellarías de Deportes e Seguridade Cidadá decidiron suspender a proba para preservar a seguridade dos participantes e do persoal organizador, xa que se esperan refachos de vento que poderían chegar aos 70 ou 80 quilómetros por hora.
O Concello da Coruña desculpa as molestias ocasionadas polo aprazamento e lembran que todas as persoas inscritas para o evento deste domingo manterán a súa participación na nova data.
Peche de parques e xardíns
A alerta amarela tamén implicará o peche de parques e xardíns na cidade durante o fin de semana. A medida estará en vigor desde as 9.00 horas do sábado 23 ata as 9.00 horas do luns 25 de novembro. A Casa das Ciencias tamén permanecerá pechada debido ao peche do parque de Santa Margarida.
Detalles da proba aprazada
Cando se celebre finalmente a Carreira Popular de Novo Mesoiro, o evento manterá o seu formato habitual, co obxectivo de promover o deporte e dinamizar a vida nos barrios coruñeses. A proba absoluta, de 5,5 quilómetros, terá lugar ás 10.00 horas e percorrerá as rúas Fragas do Eume, Ribeira Sacra, avenida de Novo Mesoiro e outras zonas do barrio, cun percorrido case integramente asfáltico. As categorías inferiores competiran despois, e o evento contará cun servizo de gardarroupa, avituallamento e outros servizos para os participantes.
As restricións ao tráfico estarán en vigor antes e durante a carreira, afectando principalmente as rúas do barrio de Novo Mesoiro, co peche da rúa dos Ancares, e limitacións nas rúas Fragas do Eume, Ribeira Sacra e partes da avenida de Novo Mesoiro. A partir das 12.00 horas, as vías comezarán a ser liberadas progresivamente.
O Concello da Coruña recomenda tomar as debidas precaucións e agradece a colaboración da cidadanía.