Apertura de reservas para 'Aventuras coas focas' no Aquarium Finisterrae

ACoruñaXa
O Concello da Coruña pon a disposición 108 prazas en nove quendas entre outubro e novembro e as reservas comezarán o mércores 15 ás 9.00
Imaxe das focas do Aquarium Finisterrae
13 Oct 2025

O Concello da Coruña, a través da rede municipal de Museos Científicos Coruñeses, lanza unha nova tanda da actividade divulgativa 'Aventuras coas focas', que se celebrará no Aquarium Finisterrae durante os vindeiros meses de outubro e novembro. Trátase dun taller pensado para achegar o público ao coidado destes mamíferos mariños, combinando explicacións científicas coa participación práctica na preparación dos alimentos e o acceso ás plataformas exteriores onde se realiza a alimentación e a revisión do seu estado.

A iniciativa destínase a persoas maiores de 7 anos e, como requisito, os participantes deberán acreditar a idade mediante DNI ou mediante unha fotografía do libro de familia na que consten nome e data de nacemento. As nenas e nenos deberán asistir sempre acompañados por unha persoa adulta, que poderá facerse cargo ata dun máximo de dous menores durante a actividade.

A participación non supón un custo adicional ao do billete de acceso ao Aquarium, pero si é necesario reservar entrada para todas as persoas que entren na actividade. Por cuestións de seguridade e polo carácter práctico do taller, ofrécense só 12 prazas por sesión. En total haberá nove sesións programadas, o que suma 108 prazas dispoñibles.

As reservas abriranse o mércores 15 de outubro ás 9.00 horas e poderán facerse a través da plataforma de ticketing do Concello da Coruña. Desde a organización lembran que as prazas son limitadas e que a inscrición será por orde de petición, polo que recomendan realizar a reserva con antelación para quen teña interese en participar.

⚙ Configurar cookies
0.070834875106812