Antón Gómez e Noa Mirantes impóñense nunha multitudinaria Carreira Popular Matogrande - Xuxán

ACoruñaXa
A proba reuniu este domingo en A Coruña a case 1.400 participantes nas distintas categorías e levou o percorrido nesta edición polo Sector 7
A CORUÑA gañadores 2026 xuxan
13 Apr 2026

A Carreira Popular Matogrande - Xuxán volveu amosar este domingo a fortaleza do circuíto Coruña Corre cunha edición que reuniu case 1.400 persoas entre todas as categorías. A praza central de Xuxán converteuse no epicentro da xornada, desde onde partiron as distintas probas dun evento que nesta ocasión discorreu polo Sector 7.

Na categoría absoluta masculina, a vitoria foi para Antón Gómez López, mentres que no cadro feminino o triunfo correspondeu a Noa Mirantes Santos. O podio masculino completárono Abdelaziz Fatihi, en segunda posición, e Daniel Fuentes Bardanca, en terceira. Na categoría feminina, tras Mirantes cruzaron a meta Vanesa Hervada López e Noelia Papín Estévez.

A competición deixou tamén protagonismo para as categorías de base. Na sub-18, os primeiros postos foron para Enrique Cuiña Fernández e Alba Morales Pedreira, mentres que na sub-16 os triunfos recaeron en Antón Viña López e Alba Bacariza Ramos.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, participou tanto na saída como na entrega de medallas e destacou a boa resposta de público e corredores nun circuíto que segue medrando e incorporando novos espazos da cidade ao calendario deportivo municipal.

Coa cita de Matogrande - Xuxán, Coruña Corre completa xa as dúas primeiras carreiras do ano. A seguinte parada será en San Pedro de Visma, o 10 de maio, e días despois chegará a quenda da carreira dos Rosales, prevista para o 31 dese mesmo mes.

0.12953495979309