Antón Gómez e Alba Raso dominan en Novo Mesoiro na carreira que pecha o circuíto Coruña Corre

Máis de 1.000 deportistas deron cor ás rúas de Novo Mesoiro na carreira popular que puxo o punto final á tempada do circuíto Coruña Corre, logo de sete probas celebradas ao longo do ano nos distintos barrios da cidade. A cita convertiu o barrio nun auténtico escenario deportivo, cun ambiente de fibra atlética e participación familiar.
Na proba absoluta, Antón Gómez López e Alba Raso Mora foron os máis rápidos e subiron ao máis alto do podio nas categorías masculina e feminina, respectivamente. Xunto a eles tamén foron protagonistas Noa Mirantes, Abdelaziz Fatihi, Inés Pampín e Bruno Salido, que completaron as posicións de honra nunha carreira moi disputada.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, participou na entrega de trofeos celebrada no polideportivo municipal de Novo Mesoiro, onde fixo balance da tempada do circuíto. O edil salientou 'as excelentes cifras de participación rexistradas, cun incremento moi notable do número de mulleres nas liñas de saída con respecto a anos anteriores'.
Vázquez subliñou ademais o compromiso do Goberno de Inés Rey con este programa, que promove a participación cidadá en carreiras de pequeno percorrido 'e contribúe tanto a dinamizar os barrios da Coruña como a fomentar hábitos de vida saudables entre persoas de todas as idades'. Nesa mesma liña, avanzou que en breve se abrirá a inscrición para o medio maratón da cidade, a C21, que se disputará a comezos de marzo.
A xornada estivo marcada tamén pola emotiva homenaxe ao atleta galego Jesús Bernal. Nos intres previos á saída, as persoas participantes gardaron un minuto de silencio na súa memoria. Bernal, falecido recentemente aos 78 anos, era un rostro habitual nas carreiras populares, tanto en Galicia como noutros moitos puntos do Estado, e contaba no seu impresionante currículo con máis de 2.800 probas disputadas e arredor de 20.000 quilómetros percorridos.
As e os atletas situados na liña de saída na rúa dos Ancares lembraron a súa figura, moi presente este mesmo ano en probas do circuíto coruñés como as carreiras da Torre, Matogrande, San Pedro de Visma ou Os Rosales, converténdose así a carreira de Novo Mesoiro nunha despedida deportiva e afectiva para unha das figuras máis queridas do atletismo popular galego.