Antía Muíño actuará no Auditorio da Fábrica de Oleiros
O ciclo Voces cálidas para noites de inverno organizado polo Concello de Oleiros trae o sábado 10 de febreiro ás 20.30 horas ao auditorio da Fábrica a cantante galega Antía Muíño.
As entradas do evento poñeranse á venda o día do concerto no propio auditorio a partir das 19.30 horas, ata completar a capacidade da sala a un prezo de 4 euros.
A artista galega de nacemento e afincada en Donostia destaca polo seu estilo musical particular. O seu rexistro móvese entre o jazz-pop, a canción alternativa de autora e a música tradicional, sendo a súa proposta como unha sorte de médium entre Norah Jones, Sílvia Pérez Cruz, Tracy Chapman e Luz Casal.
Antía Muíño actuou en festivais tan diversos como o Jazzaldia (Donosti), Veranos de la Villa (Madrid), Os Xoves de Códax (Cambados), Sound Isidro (Madrid) ou o Festival Maré (Compostela), entre outros, e colabora con artistas como Xabier Díaz, Baiuca, Carlos Núñez, Las Migas, Luis Pastor ou Néboa. Durante o 2023 xirou por toda España, en Portugal e tivo a súa primeira xira por Marrocos.
Para 2024 preparou novas cancións, que acompañan nos directos ao seu aplaudido 'Carta Aberta', o seu álbum debut, que ten case 2 millóns de reproducións. Ela foi escollida embaixadora de Spotify España na súa playlist EQUAL, saíndo en rotación nas marquesinas de Times Square (New York) a finais de 2022. E compre resaltar a Antía en The Spanish Wave no Visa For Music (Rabat) 2023, coma finalista nos Premios MIN 2023 e coma Mellor Artista Emerxente nos Premios Martín Códax da Música 2022.