Animacción converterá A Coruña e Vigo en escaparates do mellor cine de animación

ACoruñaXa
A novena edición celebrarase do 27 de outubro ao 1 de novembro con proxeccións para centros educativos e público xeral, competición de curtas e estreas internacionais
A CORUÑA animaccion
16 Oct 2025

O Festival Internacional de Animación Animacción encherá A Coruña e Vigo de cinema galego, estatal e internacional entre o 27 de outubro e o 1 de novembro. Organizado pola Asociación Ánimas Anónimas, o programa combinará sesións dirixidas a colexios de Primaria, a centros especializados e ao público xeral, co obxectivo de poñer en valor o sector da animación e achegar diferentes linguaxes e estilos a todos os públicos.

As proxeccións de curtametraxes serán un dos eixes do cartel: exhibiranse as obras seleccionadas no Concurso de Curtas en tres categorías, con 12 títulos na xeral e 7 na infantil, ademais dunha ampla presenza de pezas galegas en Panorama Galicia Retro. As curtas da sección xeral proceden de España, Portugal, Francia e Reino Unido, mentres que na infantil participan autoras e autores de España, Honduras, México, Guatemala e Bélxica. O público poderá descubrir técnicas como 2D, 2D cutout, 3D e stop motion. O carácter internacional completarase con longametraxes e programas especiais: o documental palestino The Wanted 18, a película palestina The Tower, o palmarés do festival portugués CINANIMA, o filme australiano Memorias de un caracol e Flow, de orixe letón.

As sesións abertas ao público desenvolveranse entre o 27 de outubro e o 1 de novembro na Filmoteca de Galicia e no Fórum Metropolitano da Coruña, con acceso de balde. Nesta edición, para apoiar ao pobo palestino, implantarase unha taquilla inversa nas funcións de The Wanted 18 e The Tower, de xeito que quen retire o pase poida facer unha doazón voluntaria que se canalizará, a través de Galiza por Gaza e Cabezón por Gaza, ás persoas autoras palestinas. O festival pechará coa entrega de premios: o da Sección Xeral, decidido polo voto do público; o da Sección Infantil, votado polos centros de Primaria participantes; e o Premio do Xurado, outorgado por profesionais do sector.

⚙ Configurar cookies
0.069360017776489