Ángel Víctor Torres afirma o compromiso do Goberno central con Galicia
O ministro de Política Territorial e Memoria Democrática, Ángel Torres, mantivo este venres unha reunión na Coruña co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco. No encontro abordouse, entre outras, a temática dos Orzamentos Xerais do Estado.
Torres expuxo que en 2024 Galicia recibirá un récord de 9.395 millóns de euros en entregas a conta, un 6,9% máis, e que dispoñerá en total de 10.597 millóns do sistema financiamento autonómica, o que supón 1.198 millóns máis que en 2023. Engadiu que tamén ascenderá un 22% o financiamento das entidades locais. “Confío en que podamos lograr o máximo consenso posible para sacar adiante os Orzamentos Xerais do Estado, que tan importantes son para Galicia, cun incremento considerable. Cun orzamento prorrogado, perdería a cidadanía galega”, remarcou.
No relativo aos fondos europeos, o ministro sinalou que, ata novembro, que é cando se produciu a última actualización, chegaran a Galicia 3.131 millóns de euros do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, entre os executados polo Estado, 1.602 millóns, e os 1.529 millóns transferidos á Xunta para a súa xestión directa.
Ademais o ministro aproveitou para destacar que dende o Ministerio de Política Territorial tamén se está avanzando no programa ‘A Administración Preto de Ti’, co que os funcionarios se trasladan a zonas illadas e a poboacións con persoas que teñen problemas de mobilidade, para facer xestións administrativas. Incidindo en que ata o 31 de decembro recorreron a este servizo máis de 4.400 persoas en Galicia, e tramitáronse máis de 1.500 certificados. Tamén, Ángel Torres insistiu en que desde o Goberno seguirase estudando os problemas de accesibilidade ás instalacións da Administración Xeral do Estado no territorio para eliminar todas as barreiras, e seguirase avanzando na dixitalización das administracións locais.
Destináranse máis fondos á Lei de Memoria Democrática
Dende o 2020 ata hoxe, a Secretaría de Estado de Memoria Democrática financiou actividades por máis de 435.000 euros, con case un 50% a través das transferencias realizadas para Galicia nas Conferencias Sectoriais, “o que supón unha media de 103.000 euros ao ano para investigacións, publicacións e exhumacións”.
O ministro anunciou que esa cantidade vai incrementar ata 120.000 euros anuais nos próximos orzamentos e a vontade de pechar un convenio coa Universidade de Santiago de Compostela, cunha dotación de 200.000 euros, para dispoñer dun equipo encargado de facer un censo de vítimas da Guerra Civil e a ditadura.