Ángel Carracedo deixa pequeno o auditorio da Casa da Cultura de Ordes

O salón de actos María del Carmen Regueira Amor quedou pequeno para acoller a elevada afluencia de público que se achegou á Casa da Cultura para escoitar ao profesor e investigador Ángel Carracedo. Non quedou nin unha cadeira baleira nunha sesión na que o catedrático afondou nas aplicacións da xenética para a prevención de enfermidades canceríxenas.
Durante a conferencia, Carracedo explicou como os avances no coñecemento do xenoma permiten mellorar o diagnóstico temperán, a estratificación do risco e o deseño de tratamentos personalizados. O investigador compartiu, ademais, liñas e obxectivos do proxecto Xenoma Galicia, enfocado a impulsar a investigación e a transferencia de coñecemento desde Galicia cara ao ámbito clínico.
Entre as persoas asistentes estivo o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, xunto con numerosos socios, socias e persoal directivo da Asociación Española contra o Cancro (AECC) en Ordes, entidade organizadora do acto co apoio do Concello.