Ana Varela presenta en Teixeiro a súa novela 'Runrún' dentro do ciclo 'Literatura no Camiño'

O Concello de Curtis continúa este venres 6 de febreiro co ciclo 'Literatura no Camiño' cunha nova cita na Biblioteca Municipal de Teixeiro. A partir das 20.00 h, a autora Ana Varela participará nun acto de presentación e sinatura do seu libro 'Runrún', publicado por Editorial Galaxia.
'Runrún' é unha historia centrada na vida de Uxía, que queda á fronte dos coidados da súa irmá Aldara tras a morte prematura dos seus pais, nun relato que aborda as cargas familiares, os prexuízos e o medo a cruzar ‘o outro lado do espello’. O Concello enmarca a actividade nun programa de encontros literarios que pretende achegar a lectura á veciñanza e converter a biblioteca nun punto de encontro cultural.
A autora, natural de Narón, é tradutora e poeta e desenvolve a súa traxectoria profesional vinculada á tradución e interpretación, ademais de contar con recoñecementos en certames literarios previos.