Ana Pontón acusa en A Coruña ao PP de dinamitar a política social de vivenda

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, criticou duramente en A Coruña a política de vivenda do Goberno do PP, acusándoo de "dinamitar a política social de vivenda" e de "paralizar case por completo a construción de vivenda pública". Segundo Pontón, as actuais políticas habitacionais do Partido Popular limitáronse a anuncios e programas sen impacto real, como exemplificou no caso do Plan Rexurbe.
Indica que este programa, destinado á rehabilitación de vivendas en cascos históricos para logo poñelas no mercado en réxime de alugueiro, tivo na cidade herculina un resultado "nulo", xa que tan só se compraron dous inmobles, os cales nin sequera foron rehabilitados. Pontón fixo estas declaracións dende a rúa de San Andrés, diante dun dos inmobles afectados, acompañada polo portavoz municipal do BNG, Francisco Jorquera, e pola portavoz parlamentaria de Vivenda, Alexandra Fernández.
Crítica á inacción do PP en plena crise habitacional
A portavoz nacionalista denunciou que "o resultado deste Plan Rexurbe son cero vivendas en alugueiro para a xente da Coruña, nun contexto no que miles de persoas vense obrigadas a compartir alugueiro, seguir vivindo na casa dos seus pais ou facer equilibrios para pagar o piso sen deixar de cubrir necesidades básicas".
Pontón acusou o PP de facer "política da propaganda" en materia de vivenda e aportou cifras para demostralo. O Plan Rexurbe foi anunciado en 2016 coa previsión de rehabilitar 1.500 vivendas, cifra que se elevou a 3.000 en 2020. Porén, a realidade amosa que só se adquiriron 100 inmobles en toda Galiza e que, desde 2016, apenas se puxeron a disposición da cidadanía 20 vivendas.
"Estamos ante unha auténtica fraude e un exemplo claro de como o PP se nega a tomar medidas reais no curto prazo, mentres os prezos dos alugueiros seguen disparándose. En moitas zonas de Galiza, os alugueiros aumentaron ata un 50 % e non coñezo a ninguén a quen lle subira o soldo na mesma proporción", advertiu Pontón, quen lembrou que a crise habitacional será un dos temas centrais das manifestacións convocadas nos próximos días.
Alternativas do BNG para afrontar a crise habitacional
Fronte á inacción do PP, a líder do BNG expuxo as propostas da súa formación para solucionar o problema da vivenda de maneira inmediata:
- Declaración de zonas tensionadas: Regular os prezos dos alugueiros para evitar que sigan subindo. "A Xunta pode tomar esta medida, pero na práctica está boicoteándoa", denunciou Pontón.
- Limitación e control das vivendas de uso turístico: Regular este mercado para evitar que contribúa á escalada de prezos dos alugueiros.
- Incremento e mellor xestión das axudas á vivenda: Modificar o sistema de concesión das axudas para garantir que cheguen primeiro ás persoas con maiores necesidades, evitando o actual criterio de orde de entrada.
- Mobilización da vivenda baleira: Poñer en marcha un plan para recuperar vivendas desocupadas a través da compra directa ou acordos con propietarios, co obxectivo de ofrecelas en alugueiro. "Esta é unha solución máis rápida, eficiente e ecolóxica que esperar a construír vivenda nova", destacou Pontón
Pontón acusou ao Goberno de Alfonso Rueda de "boicotear" medidas efectivas mentres segue permitindo o rexistro de vivendas turísticas ilegais. "A situación é crítica e a Xunta debe deixar de lado a propaganda e actuar con seriedade e rigor. A xuventude galega non pode esperar dez anos para que se resolva este problema", concluíu a portavoz do BNG.