Ana Curra e Ilegales encabezan o cartel do Noites do Porto cunha noite histórica de rock e punk

O festival Noites do Porto vén de desvelar os dous primeiros nomes que liderarán o seu escenario principal no peirao da Batería: Ana Curra e Ilegales, dúas figuras imprescindibles para entender a historia do rock e o punk en España nas últimas catro décadas. A cita será o venres 26 de setembro de 2025 na Coruña, nunha noite que promete ser inesquecible para varias xeracións de amantes da música.
Por unha banda, o público poderá desfrutar do único concerto en Galicia en 2025 de Ana Curra, artista clave da movida madrileña e integrante de formacións históricas como Parálisis Permanente e Los Seres Vacíos. Cantante, pianista e compositora, Curra levará ao escenario un directo "arrollador", cargado da intensidade escénica e forza emocional que a caracterizan.
Pola outra, Ilegales, unha das bandas máis veteranas e influíntes do rock estatal, celebrarán o seu debut nas Noites do Porto presentando por primeira vez en A Coruña o seu último traballo discográfico, Joven y arrogante. O disco, publicado en 2024, mantén intacto o selo provocador, a potencia sonora e a ironía afiada que converteu a Jorge Ilegal e os seus nunha lenda viva do xénero. “Ilegales demostrará no peirao da Batería por que o seu directo está considerado como un dos mellores do rock hispano de todos os tempos”.
Con estes dous nomes, o festival reafírmase como un espazo de referencia para o encontro entre xeracións e estilos, rendendo tributo a artistas que deixaron pegada en bandas actuais como Triángulo de Amor Bizarro, Los Punsetes, Carolina Durante, Biznaga, Dorian, El Columpio Asesino, Zahara ou Alcalá Norte.